A "Negra Sombra" visitou Gres na noite do venres, viña á procura dun rapaz da aldea... e atopou a Don Xosé.

Ninguén podía sospeitar o pasado trinta de outubro, ainda non hai nin un mes, que a homenaxe tan merecida que esta asociación lle adicou, ía ser, senón a última, unha das derradeiras que o insigne literato cruceño recibiría en vida. Agora virán os recoñecementos póstumos, como non ía ser menos tratándose de tan grande personalidade. Pero na tristura do seu pasamento, os membros da xunta directiva da Asociación Cultural Vista Alegre, temos a enorme satisfacción de telo homenaxeado en vida, cando o vello profesor ainda o podía desfrutar.

Aquel día foi feliz, ou ao menos eso nos pareceu a todos os presentes. O sorriso no seu semblante deixouse ver durante toda a velada. Manifestounos a enorme satisfacción que para el supoñía o ser nomeado socio de honra da nosa entidade, e lembrounos a súa querencia por Bandeira, pola súa feira, polas súas xentes e por outra figura principal das letras galegas como foi Ramón de Valenzuela, oriundo deste pobo e con quen partillou vivencias alén do mar.

Morreu Pepe, como os máis achegados lle chamaban. Foise para sempre o "xornaleiro da palabra", como el mesmo se definiu cando o pasado 25 de xullo recibía a medalla Castelao. Finou o escritor comprometido coa súa terra, ainda que para sempre quedará a súa prolífica obra, memoria viva do que un día fomos.

Onte e antonte choraron a defunto as campás de Gres. Dende onte Balbino, ademáis de neno labrego e pobre, é tamén orfo. Pero estaremos con el na despedida do seu creador. E alí, no camposanto, ben preto da súa casa, quizais se produza unha sorte de catarse na que ámbolos dous se fundan para sempre nun mesmo espírito. Outro home bo e xeneroso que nos deixa, como tantos ten parido esta terra nosa.

D. E. P. D. Xosé Neira Vilas.

*No nome da xunta directiva da Asociación Cultural Vista Alegre