Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Cavilación miñota

A miña familia e eu, e maila xente da nosa proximidade, nacemos non lonxe da raia de Portugal. Todo o novo que xurda en Portugal terá repercusión en Galicia e moi grande repercusión no universo do nacionalismo galego. O independentismo galego encóntrase nun intre de ascenso e de confluencia coa esquerda respectuosa co dereito á autodeterminación dos pobos. Entre os galegos amigos de Portugal anda a crenza, ás veces ben fundamentada na Historia e ás veces non, de que acolá ocorren as cousas antes ca en España.

En Portugal constituiuse antes ca en calquera parte de Europa un estado nacional. Moito antes de se independizaren as repúblicas hispanoamericanas, en 1640 Portugal fíxolle a figa a España e ergueu os seus escudos ceibes nos adarves de Valença, de Montalegre, de Monçâo, de Melgaço, de Caminha, e así. Eles proclamaron a república en 1910, e para sempre, en canto os españois fixeron fracasar a súa en 1874 e en 1939, neste último caso mediante terríbel guerra. Antes ca en España, estabeleceuse o fascismo (nós chamámoslle así; non somos negacionistas) en Portugal. E tamén o 25 de abril acabou co fascismo en Portugal por completo antes de que en España o fascismo adoptase a forma de reforma sen ruptura democrática.

Estes días Angela Merkel ergueu un Rajoy decrépito sobre o escudo do poder oligárquico dos antigos xermanos ao mesmo tempo que as masas de alén das marcas petan nas portas do Imperio polo leste e polo sul. Europa cheira a decadencia; a miseria intelectual cunde nas súas academias; pobos gloriosos coma o grego son humillados por círculos anónimos de poder plutocrático concentrado en sí mesmo ate o límite da masa crítica que converte en caos o derradeiro elemento organizado da materia. Xente famélica entra a occidente en procisión incesante. Dentro das murallas perpetúase esoutra pobreza que non vén de lonxe e que ten os ollos que temos visto nos nosos novelistas do século XIX e se explica polos textos de Marx e Engels.

E ben, a poucos quilómetros de eiquí, o PCP, o BE e o PS acordaron en Portugal un pacto de goberno contra o horror dominante. Un presidente da República que semella asno ensoberbecido négalles a posibilidade de gobernar aos que teñen a maioranza social do pobo portugués e a maioranza parlamentar. Vexan: o PCP, que nunca caeu no illó do eurocomunismo e mantén a súa forza obreira, cooperativa e intelectual; o Bloco, que por fin leu e asimilou o opúsculo de Cunhal sobre "radicalismo pequenoburgués" de fachada socialista"; o PS que, polos vistos, xa non traballa automáticamente para a CIA e é hoxe consciente de que o poder do Imperio se retira e a Unión Europea é un cadáver xeopolítico que acciona mediante baraciñas. Este pode ser o goberno de Portugal en cohabitación cunha entidade fantasmática (iso sí). A Maré está moi atenta ao caso; certo.

Compartir el artículo

stats