Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ilustres

Revve, Mitra, o Ourense romano e Celso Rodríguez Cao

Hai escavacións arqueolóxicas que permanecerán para sempre vinculadas aos seus directores, independentemente de que outros as retomen no futuro. Teño a certeza que se eu lles falo de Troia e Micenas, vostedes rapidamente pensarán en Heinrich Schliemann, aínda que a cidade micénica fose antes escavada polo epigrafista Kyriakos S. Pittakis. Se menciono Cnossos, na antiga Creta, o referente para os lectores é Arthur Evans.

Cando me iniciaba no mundo da Arqueoloxía, nos principios da década de 1980 -tempus fugit-, coincidía unha etapa de gran actividade investigadora. Non vou citar todos os xacementos que se estaban a intervir naquel entón, pero si algúns nos que participara, ben como estudante, ben como arqueólogo. Cinguíndome ás investigacións levadas a cabo dende o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, onde comezou a miña formación, lembro as da necrópole megalítica do Marco do Camballón-Oirós, no termo municipal de Vila de Cruces, dirixidas por Xosé Carlos Sierra Rodríguez. Tamén as de Castromao, naquel momento baixo a dirección de Francisco Fariña Busto. Pronto outra xeración de arqueólogos retomou as intervencións na provincia, explorando estes mesmos xacementos máis outros que xa forman parte da historiografía ourensana. Baixo as súas direccións participei en diversas campañas en San Cibrán de Las, con Bieito Pérez Outeiriño, en Castromao con Alfredo Seara Carballo, no Coto do Mosteiro (O Carballiño), con este último e Luis Orero Grandal. Tamén no castro de San Millán da Xironda (Cualedro) ou a igrexa de San Xes de Francelos, baixo a dirección de Xulio Rodríguez González.

Máis a miña actividade posterior fixo que, despois de dirixir varios proxectos arqueolóxicos na Baixa Limia e noutros puntos de Galicia, rematase desenvolvendo o traballo de Arqueólogo Municipal no Concello de Ourense, a miña profesión actual. Aquí, neste observatorio privilexiado, tiven a oportunidade de retomar vellas relacións con colegas que, en tempos anteriores, eran de compañeirismo nas aulas da Facultade de Xeografía e Historia e, ao mesmo tempo, achegarme a escavacións moi importantes para a nosa cidade, que comezaban a ser tamén dirixidas por antigos alumnos da Universidade de Vigo.

Hoxe referireime a un excelente profesional, Celso Rodríguez Cao, con quen me reecontrei cando comezaba na arqueoloxía municipal e mentres el dirixía as escavacións no patio do I.E.S. Otero Pedrayo. Seguramente moitos coñecerán mellor o sitio se lle chamo "O Pompeo".

Celso é un dos arqueólogos veteranos, curtido no traballo de campo e no de gabinete. Dirixíu numerosísimas prospeccións e escavacións en xacementos e monumentos emblemáticos. Pero agora eu quero seleccionar tres dos seus traballos esenciais para a Historia de Galicia: O Pompeo e As Burgas en Ourense e a Domus do Mitreo en Lugo.

Dende o noso punto de vista, O Pompeo representa a primeira escavación científica no ámbito urbano onde se constatan restos de asentamento de época romana fóra do ámbito das Burgas. Pensamos que estes datos foron de enorme importancia porque permitiron valorar doutro modo a extensión do Ourense romano dende os seus inicios. Ata entón os investigadores circunscribían os restos da posible urbe do século I d. de C. ás inmediacións das fontes termais. As escavacións no Pompeo expanden os achados cara os sur.

Nas escavacións que dirixiu entre os anos 1996 e 1998, descubriu un variado grupo de edificacións romanas. As máis tardías, que tamén eran as que estaban en mellor estado de conservación, correspondíanse coas derradeiras etapas da romanidade, cos séculos III/IV d. de C.

Por baixo delas conservábanse outros restos máis antigos, do século I d. de C. Tales datas indicaban que eran, polo menos, tan antigos cos atopados nas Burgas. A transcendencia desta intervención arqueolóxica está no descubrimento dun considerable espazo urbano relativamente alongado das fontes termais e ocupado dende décadas avanzadas do século I d. de C. (na súa segunda metade) ata a baixa romanidade.

Ademais, os materiais arqueolóxicos atopados semellan indicar un nivel de vida relativamente acomodado, como as menaxes de cociña, a calidade dos vidros, as moedas atopadas ou o pasador de bronce con incrustacións de pasta vítrea con forma de faisán.

Outra intervención especialmente significativa e importante para a cidade foi a realizada na "Casa dos Fornos" e nas traseiras das rúas do Vilar e Cervantes, espazos da contorna das Burgas.

Este proxecto promovido polo Concello de Ourense tamén foi dirixido por Celso. Ben é certo que das importantes descubertas falamos noutras ocasións. Máis a constatación de dous ambiente termais, un de tipo hixiénico e outro relixioso, foi a gran novidade, para a cidade de Ourense. Porque o achado de Casa dos Fornos, onde na actualidade poden vostedes visitar as ruínas do edificio con piscina detrás da Burga de Arriba, axuda a engadir un novo significado á orixe de Ourense: o de centro relixioso na antigüidade.

Aínda que a zona non está totalmente escavada, polo momento albíscase un edificio con marcado carácter ritual, moi probablemente erixido sobre o manancial sacralizado onde mora o deus Revve Anabaraego. Porque é este o que lle transmite ás nosas fontes toda a potencia sanadora que curaba ás xentes desta contorna xa antes de que a cidade nacese.

Polas escavacións realizadas podemos saber que así aconteceu nos séculos I e II d. de C.. Seis pequenos altares -aras- foron dedicados ao deus, a modo de ofrendas, por doentes que acudiron ao lugar buscando a saúde. Precisamente a presenza das propias aras indica que así foi, que foran sanados polo deus. Aínda existe a posibilidade de que as ofrendas sexan sete, e non seis. Así sería se situamos nas Burgas a procedencia doutra ara dedicaba a Revve Anabaraego que algúns investigadores sitúan, ben en Ruanes de Trujillo (Cáceres), ben en Rubiá de Valdeorras (Ourense), pola proximidade fonética do nome do deus con esas poboacións.

Outro magnifico traballo de Celso tivo como escenario a cidade de Lugo, a vella Lucus Augusti. Foi no ano 1988, cando a Universidade de Santiago de Compostela adquiriu o Pazo de Montenegro, situado cerca da Catedral. Nel querían instalar a "Casa do Saber". Previo ás obras de rehabilitación e acondicionamento do devandito edificio, Celso Rodríguez Cao dirixiu unhas escavacións arqueolóxicas tamén, como verán, con excelentes resultados.

Alí atopou unha gran vivenda -unha domus- que fora habitada dende o 27 a. de C. ata o 284 d. de C.. Constaba dunha planta baixa cun patio lousado e un primeiro piso. Pero o edificio, habitado na etapa Altoimperal, vai ser protagonista de importantes reformas entre os anos 284 e 476 d. de C., na etapa Baixoimperial. A partires da primeira data van aparecendo na domus unha serie de espazos privados propios do status do propietario. Trátase dun Centurión da Lexión VII Xémina Antoniana chamado Gaius Victorius Victorinus. Este militar edificou na domus unha estancia moi especial: un mitrhaeum (mitreo), lugar dedicado ao culto do deus Mitra.

A estancia relixiosa ten unha orientación norte-sur e presenta unha estrutura sinxela, consistente nun espazo rectangular conformado por unha nave central bordeada lateralmente por cinco pilastras. No seu interior, cara a cabeceira, atopáronse fragmentos dunha estatua de bronce e unha ara dedicada a Mitra, coa seguinte inscripción: "INVIC(TO) MITHRAE / G(AIVS) VICTORIVS VIC / TORINVS (CENTVRIO) L(EGIONIS) VII G(EMINAE) / ANTONINIANAE P(IAE) F(ELICIS) / IN HONOREM STA / TIONIS LVCENSIS / ET VICTORIORVM / SECVNDI ET VIC / TORIS LIB(ERTORVM) SVOR / VM ARAM PO / SVIT LIBENTE / ANIMO (HEDERA)", o que nas verbas de Celso quere dicir "Ao nunca-conquistado deus Mitra, G. Victorius Victorinus, centurión da Lexión VII Xémina Antoniana, Devoto e Leal, con moito gusto, erixíu esta ara na honra do posto de control militar de Lucus (Augusti) e dos seus dous libertos Victorius Secundus y Victorius Victor".

O mitreo da domus de Lugo é un dos escasos lugares de culto deste tipo que puideron ser datados con fiabilidade. Grazas a esta escavación es aos posteriores estudios do seu director, sabemos que foi erixido no século III d. de C. e mantense en funcionamento ao longo do século IV d. de C. Sen embargo a domus, unha vez iniciado o século IV, verase afectada pola construción da muralla de Lugo, cuxo trazado corta e derruba parte da mesma.

Existen máis escavacións significativas deste investigador que vostedes poderían consultar noutros medios. Simplemente rematamos dicindo que as frecuentes estancias de Celso en Ourense permiten velo por diversas partes da nosa cidade. Non é raro atopalo enfrascado no Arquivo Provincial, pescudando a Historia entre vellos documentos. Tampouco é difícil dar con el no ambiente universitario, na percura da colaboración que a Xeoloxía ou a Palinoloxía poden aportar ao seu excelente traballo, así como compartindo distendidamente conversa e experiencias cos amigos, entre os que teño a gran fortuna de atoparme.

(*) Arqueólogo municipal de Ourense.

Compartir el artículo

stats