Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

A cara oculta de Educación

A Consellería de Educación comezou o curso con mal pé. Coma se non quixesen romper coa inercia negativa que traían do curso anterior, onde se luciron con medidas tan controvertidas como a reválida ou o banco de libros, os responsables da xestión do ensino na nosa comunidade comezaron o curso académico 2015/2016 asestando un latigazo máis ó noso sistema educativo.

Probablemente o máis doloroso destes latigazos foron os recortes de persoal levados a cabo en diversos centros educativos da nosa comunidade, circunstancia que provocou que numerosas familias decidisen non levar ós seus fillos á escola o primeiro día de curso en sinal de protesta. Como exemplo deste malestar totalmente xustificado podemos citar o acontecido hai poucas semanas no CEIP de Vite, onde a falla de persoal docente está a xerar unha situación problemática. Fíxense na gravidade do acontecido. O colexio de Vite é un centro de referencia para escolarizar a alumnado con necesidades educativas especiais, polo que se supón que conta cunha especial dotación tanto de recursos materiais como persoais (profesorado de apoio, coidadores...) para poder dar resposta ás particulares necesidades que este tipo de alumnado presenta. Pois ben, en lugar de mostrar un mínimo de sensibilidade e dotar ó centro dos recursos que o profesorado e as familias están a reclamar, a Consellería decidiu unha vez máis mirar para outro lado e desouvir estas peticións atentando contra un principio básico da educación como é a atención á diversidade. Se existe unha medida de austeridade que produce especial vergonza esa é a de escatimar en recursos para o ensino público, o ensino de todos, que en lugar de ser protexido con especial coidado está a ser maltratado por dirixentes que xestionan a ensinanza pública coma se dunha empresa se tratara.

Chegados a este punto pode que vostedes se pregunten que fai a Consellería para lidar con todas as queixas que a súa política de recortes está a provocar. Pois ben, existe unha anécdota que amosa con claridade o modus operandi da administración ecucativa cando se trata de facer fronte á crúa realidade. Explícolles brevemente o caso. O pasado 10 de setembro o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, visitaba o CEIP Nosa Señora das Dores (Forcarei) con motivo do inicio do curso, onde declarou que "o inicio das clases transcorreu con total normalidade nos centros das catro provincias galegas". Nada máis lonxe da realidade. Poucos días despois da visita do conselleiro a esta escola puidemos saber que o centro presenta graves danos en teitos, estanterías e portas (as imaxes publicadas polos xornais locais amosan un escenario máis propio do programa Callejeros que dun centro educativo), pero, curiosamente, a consellería "esqueceu" abordar este problema cando visitou o centro e preferiu centrarse en sacar unha boa "foto" da visita para manter as apariencias. A iso chámolle eu xestionar con eficiencia, si señor.

O certo é que esta obsesión da consellería por ocultar a realidade, por agochar todas as súas vergonzas en lugar de intentar solucionalas, trae á memoria aquela famosa frase de Maquiavelo: "O vulgo déixase seducir sempre pola apariencia e o éxito". Esa parece ser a prioridade da nosa administración educativa, manter as apariencias, a fachada, para intentar enganar ó pobo ó que, igual que facía o filósofo italiano, infravalora considerándoo ignorante e incapaz de ver máis alá do aparente.

Ese é quizais o maior erro que está a cometer a consellería, tomar por idiota a un pobo que en absoluto o é e que cada vez ten máis ganas de demostralo.

*Veciño de Xaxán (Lalín)

Compartir el artículo

stats