Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Doutor Bento da Cruz

Ocorre que os Novos Contos da Montanha de Miguel Torga arrecenden a broa (esa verba que estamos a perder) e á bosta tenra de vaca pisca, pero, véndose o leitor galego na Raia mesma, nunca se atopara con aquel nome propio que é Galiza. Torga, nos Diários, pon España e Unamuno a inzar por toda parte. Bento da Cruz, non. Este constriu un microcosmos que é un macrotexto, digo así por me facer pedante. Tal mundo é o Barroso, terra que existe na realidade, co seu centro ficcional: Gostofrio. Gostofrio/Barroso é un condado de Yorknapatapha, capital Jefferson, ou mesmo esoutro sitio chamado Macondo. É a aldea trasmontana próxima a unha Galicia xémea. Toda a vida da aldea barrosa dos anos trinta, cuarenta, cincuenta do século XX está alí representada, nun vasto tapiz realista tocado dun delicioso idealismo espiritual que nos fai acordantes, como non, de Teixeira de Pascoais.

Alí está a aldea galega que non fomos capaces de pór completa na nosa literatura: as camadas sociais, os que teñen terra e os proletarios campesiños chamados "cabaneiros", a prostitución de feira, os abades golosos e brutais, os caciques da vila. E as xentes ámanse, ódianse, loitan pola vida e cohabitan coa miseria, coa treizón, coa doenza, mesmo mental; viven as necesidades nas casoupas cubertas de colmo, en lareiras fondas e escuras polo día, tratan labranza nas leiras e falan co monte nas veceiras.

E isto dito nun portugués rico que se irriga con agua de dous ríos: o da lingua alta e culta e o dá lingua ilegal e considerada "provincial" e bruta polos sangues mortos da cultura académica.

Así é que Bento da Cruz é o único escritor portugués capaz de poñer nun seu texto a palabra mininho e ao pé dela o cultismo, para nós finchado, bétula no cando de bidueiro. Nos libros do doutor Bento está a aldea galega que xa non hai; polo que lle estamos moi agradecidos.

Pero tamén está a raia e está Galicia e a súa Historia, moi ben estudada e documentada. Mesmo hilarante resulta o relato das tropas do Paiva Couceiro sublevado contra a República a replegarse pola Limia adiante, polas partes altas de Baltar e da Boullosa. E pódese decer que o seu relato da guerrilla galega antifascista ten unha calidade e altura que ningún texto literario galego conseguiu na frecuentación deste tema central da nosa Contemporaneidade.

Máis algo pode acrecentarse: A lingua literaria de Bendo da Cruz reconstrúese medrando, ao ser traducida ao galego por Moncha Fuentes. Editadas por Xerais, as novelas O Lobo Guerrilheiro e A Loba non son verdadeiras traduccións ao galego senón propostas, e realidade, dunha nova lingua común galegoportuguesa nas antípodas de calquera "integracionismo", como dicía Rodrigues Lapa nas súas horas menos lúcidas. Estas obras de Bento da Cruz intervidas lingüisticamente por Moncha Fuentes son xa materia literaria de nós con pleno dereito. Séxalle a terra do Barroso leve ao doutor Bento, da vella e honrada Casa dos Marinheiros.

Compartir el artículo

stats