Sempre tiven a curiosidade por saber en que modelo se inspirou Manuel Fraga para poñer en marcha a rede de paradores de turismo. Sendo presidente da Xunta de Galicia tiven a oportunidade e pregunteille se por casualidade tiña lido o libro "Índice de Utopías Gallegas" de Evaristo Correa Calderón, que fora profesor seu no instituto de Lugo. Recoñeceume que, efectivamente, aquel libro publicado en Madrid en 1924 lle fora de moita utilidade polas teses que expuña para converter as torres, castelos e pazos en modernos e luxosos hoteis.

Conto esta anécdota porque vén a conto agora que este mes de agosto se cumpren noventa e cinco anos dos actos celebrados pola Real Academia Galega no Balneario de Mondariz co gallo do ingreso na institución de Ramón Cabanillas e Antonio Rey Soto. O programa preparado por Enrique Peinador Lines, dono do establecemento balneario, fora moi lucido: banquetes, música e visitas guiadas ao museo etnográfico de Pías e excursións ás paraxes próximas.

Tamén podería ter sido que o modelo do Balneario de Mondaríz inspirase a Fraga na elaboración do plan dos paradores de turismo. A diferenza está en que no Balneario a cultura galega tiña unha visibilidade notoria, porque Peinador Lines puxera o empeño en ofrecerlle aos seus hóspedes un clima amable tinguido de cultura galega, que, ao cabo, é o que busca o turista cando viaxa procurando coñecementos de realidades ben distintas ás do seu país de orixe, e os chamados paradores nacionais non ofrecen o mesmo. A oferta do Balneario de Mondariz satisfacía así os gustos dunha clientela esixente que se deleitaba lendo os xornais "La Temporada" e "Mondariz" nos que sempre había colaboracións dedicadas a divulgar o patrimonio etnográfico e arqueolóxico, e a obra dos nosos escritores e investigadores. Peinador Lines esixíalles as orquestras que animaban as veladas que incluísen pezas galegas nos seus programas.

O Balneario de Mondariz foi o único que tiña carácter internacional entre os españois. Porque o seu propietario non era un empresario ao uso, vulgar, rutinario e preocupado unicamente pola conta de resultados; soubo conxugar o éxito dos servizos que ofrecían co compromiso coa cultura galega. Foi o auténtico precursor da fórmula aritmética tan socorrida en calquera proxecto empresarial do I+D+i, ao que el lle engadíu un sumando máis, o "G" de galeguismo.

En 1920 creou o "Premio Peinador" na Facultade de Medicina de Madrid cunha dotación de 1.200 pesetas ao ano para custear o título de Doutor en Medicina ao autor dunha tese sobre Hidroloxía Médica.Coa Universidade de Santiago de Compostela estableceu vínculos estables, e ao Estado dooulle un edificio para destinalo a Instituto de Hidroterapia, Colexio Maior ou residencia de médicos e estudantes.E outro premio máis para incentivar o estudo do hábitat galego e o modelo de autogoberno para Galicia, que gañaran Carlos Sobrino e Peña Novo, respectivamente.

Mondariz foi a recreación desa Galicia ideal que deseñou o 1º Congreso de Economía de Galicia celebrado en Lugo en 1925. Peinador Lines, que posiblemente asistíu a el, levou ao pé da letra todas as conclusións daquel cónclave: poñer en valor a paisaxe; recuperar para o turismo espazos e vilas termais; artellar unha rede de transportes que el materializou co proxecto dunha liña de tranvía que unise Vigo con Mondariz, que só chegou a O Porriño; proxección internacional do mercado das augas envasada, etc., e a defensa dos valores identitarios galegos.

Chama a atención que hoxe ningún balneario galego arromedase o exemplo daquel Mondariz modélico. Da mesma maneira que non é comprensible que a rede de paradores non sexan escaparates da nosa cultura e tradicións para ofrecérllelas aos forasteiros ávidos de coñeceren outras culturas; ou que as casas rurais en Galicia non teñan máis galeguidade.

Agora que conmemoramos o acto da Real Academia Galega, traemos a memoria do seu fillo, Enrique Peinador Porrúa, que foi fusilado en Madrid pola súa militancia republicana, dous meses antes do pasamento do seu pai.

*Presidente do Foro E. Peinador