Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Profesor de Ingeniería Agroforestal

O campo, cada vez máis vulnerable

A redución da superficie que a actividade agrícola e gandeira ocupa en Galicia non é precisamente unha novidade, nin nos convirte nun caso especial no contexto europeo. O peche de explotacións agrarias e a redución da superficie cultivada son fenómenos comúns en moitas áreas de Europa, como por exemplo en boa parte dos países do antigo campo socialista e na maioría das áreas montañosas do continente, particularmente naquelas que ocupan unha posición periférica. Este último é o noso caso. En realidade, foi desde que España accedeu á Comunidade Económica Europea en 1986 cando o descenso de superficie agrícola se volveu xeneralizado en Galicia, aínda que ata entón xa tiña lugar en puntos concretos da nosa xeografía. En última instancia, o proceso ten moito que ver co progresivo despoboamento das áreas rurais e a perda de importancia do sector primario (en termos de emprego, por exemplo) que os profesores Fernando Collantes e Vicente Pinilla chamaron a "rendición pacífica" do mundo rural.

Puido a crise económica actual ter algunha influencia no proceso? Probablemente, pero resulta difícil aventurar en que sentido concreto: é posible que a situación económica afectase negativamente a explotacións con problemas de viabilidade, pero tamén é sabido que ten incentivado a incorporación de novos agricultores ao sector. En todo caso, estas novas incorporacións seguramente se produciron en moitos casos en subsectores -como a horta- que presentan, en comparación con outros como o de leite, pouca importancia en termos de superficie total. E polo tanto, non sería esperable que a superficie que estas novas explotacións engaden ao total fose suficiente para compensar ou inverter a tendencia xeral.

É un bo hábito tomar con cautela as estimacións proporcionadas por diferentes fontes estatísticas, incluídas, por suposto, as enquisas de estrutura das explotacións agrarias: unha broma común entre os que traballan a diario con series estatísticas é dicir que as únicas cifras das que estamos seguros son os anos. De tódolos xeitos, a información que transmiten as enquisas de 2007 e 2013 é coherente coa que aportan outras fontes e simplemente confirma a tendencia que xa viñamos observando nos últimos vinte anos.

O feito de que con toda probabilidade non esteamos ante unha situación puntual, asociada á crise, non é motivo de tranquilidade. Ao contrario, é a confirmación de que continuamos inmersos nun proceso de simplificación da estrutura do sector primario (agrogandeiro e forestal) que, na práctica, nos aproxima perigosamente a un sistema excesivamente especializado que se apoia sobre dúas producións principais: leite e madeira de eucalipto. Esta simplificación fainos cada vez máis vulnerables fronte a riscos de tipo ambiental: reduce a diversidade da paisaxe e crea condicións difíciles para algunhas especies animais e vexetais mentres que favorece desmesuradamente a outras. Tamén nos fai máis vulnerables fronte a riscos de orixe fundamentalmente humana, como os incendios forestais, e sitúanos nunha situación de grande risco económico: pequenas variacións no prezo do leite, os alimentos concentrados para o gando, ou a pasta de papel, poden poñer en xaque con relativa facilidade á maior parte do sector.

Por estas razóns, cómpre recibir con satisfacción que se manteña a categoría de solo rústico de protección agropecuaria nas últimas versións do borrador da nova lei do solo de Galicia (actualmente en proceso de discusión). Significa o recoñecemento da importancia que a ordenación territorial, e en particular a planificación no ámbito municipal, teñen para introducir racionalidade en procesos territoriais nos que a mera actuación do mercado nos conduce cara situacións indesexables. Pero tamén mantén a responsabilidade que recae nos equipos redactores e os gobernos locais, para a correcta identificación ou delimitación desas categorías de solo. Nun contexto no que o uso actual do territorio se viu influído por múltiples (e non sempre desexables) cambios en anos recentes, o planeamento debería escapar da tentación de simplemente "conxelar" o estado actual do territorio e "certificar" como forestal calquera área recentemente plantada ou como agropecuaria calquera área recentemente roturada. Introducir outros criterios de delimitación é fundamental, e para isto resulta condición indispensable contar con outras fontes de información. Entre estas gustaríanos destacar dúas, recentemente postas a disposición do público: as fotografías aéreas do voo de 1956-1957 (o popularmente chamado "voo americano") publicadas polo Instituto de Estudios do Territorio; e a versión dixital do Mapa de Capacidade Produtiva dos Solos de Galicia de Francisco Díaz-Fierros e Fernando Gil, publicada polo Sistema de Información Territorial da Universidade de Santiago de Compostela. Cremos que ambas son contribucións que deberían formar parte do material empregado polos equipos técnicos encargados de propoñer a clasificación do solo rústico en calquera concello.

Compartir el artículo

stats