Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Aquí gomorra

Saiban disimular os, sempre moi amables, lectores destas crónicas semanais que comece, precisamente, a que hoxe lle corresponde cun par -ou mesmo con tres- brincadeiras. Non por idosa e/ou coñecida, menos actual, a primeira delas: pois velaí que un célebre gangster norteamericano resulta supetamente detido -é dicir, supetamente para el, claro está- polas dilixentes forzas do FBI. Daquela, mentres un grupo de colegas do grande Eliot Ness e mais os seus intocables proceden a lle colocar os pertinentes grillóns e introducilo no interior do vehículo policial, o mafioso dá en erguer a voz aos berros: "isto é unha aldraxe!; sei cales son os meus dereitos!; quero ver o meu avogado!" Xa no comisaría do distrito, o malandro persiste aínda na súa letanía: "son vítima dunha inxustiza!; presentarei unha querela criminal pola violencia da que son obxecto!; quero ver o meu avogado!; teño dereito a facer unha chamada telefónica!" Por fin e ante a insistencia, un oficial das forzas da orde achégalle o aparello: "aí ten, chame Vde. a quen queira. Non obstante, debo comunicarlle que o seu avogado foi detido hai xa cousa de máis dunha semana." Abraiado, por un momento o gangster recúa; non obstante, é capaz de retomar forzas de contado: "Pois, entón, quero falar co avogado do meu avogado!" "Canto a esoutro -retruca o policía-, o caso é que o detivemos hai seis meses: agora mesmo vive entre reixas, na prisión de Sing Sing".

A segunda historia fai referencia a unha campaña publicitaria, así nos medios escritos como, sobre todo, na TV. As primeiras imaxes presentan a Ana Duato -Mercedes Fernández, señora de Alcántara, nauralmente: "Cuéntame cómo pasó"- en compañía dunha simpática familia, coa que está a compartir pan, viño e manteis, no medio e medio dun verde prado de rosas e flores. Logo de sorrir á camara, Ana pídelle aos seus compañeiros de picnic que describan o lugar onde se encontran: "Estamos en Andorra, un país nos Pirineos", responden todos eles, xubilosos.

Cambian as imaxes: agora Ana está acompañada por outra familia cuxos rostros, non obstante, non se mostran á cámara. Nun instante, porén, todos eles proceden a abrir cadansúa maleta, absolutamente repleta de monllos, presadas de euros, dólares... Ana pídelles a estoutros novos compañeiros de picnic que describan o lugar onde se sitúan: "Estamos en Gomorra, un país nos Prineos", responden todos eles, felices e contentos, cun inconfundible acento catalán.

"A verdade é que, cada vez que leo a Biblia, son moitísimas as dúbidas e mais as incertezas que me asaltan. De feito, hai noites enteiras que non son quen de pegar o ollo, dándolle voltas ao asunto!" Quen así se confesa -acaso nunca mellor dito- vén ser o xenial Enrique San Francisco. E prosegue D. Quique: "A ver; por exemplo, teño claro que o de Noé e mais o diluvio non pasou de ser produto dunha coña divina. Quero dicir que Iaveh era un auténtico leriante e o único que pretendía era quedarse co coitado de Noé. Pero, claro, diante do cachondeo xeral ao veren un ghicho construíndo un barco no medio do deserto, Noé foise queixar ás Alturas, "Iaveh, é que estes fo...idos andan todo o día a brincar conmigo e eu xa non podo vivir así!". E, claro, compadecido dos sufrimentos daquela criatura, a Iaveh non lle quedou outra, para remedialo (é un dicir,o de remedialo) que enviar de veras un diluvio sobre a terra."

San Francisco resolve deste xeito un enigma; non obstante, pinta de cervexa en man, axiña deseña o seguinte: "A ver agora: cando Iaveh decidiu enviar lume desde o ceo para cargarse de vez Sodoma e Gomorra por causa dos moitos pecados que alí se perpetraban..., vaia; creo que todos temos claro cal era a viciosa maldade que andaban a cometer os de Sodoma, non é? Pero... e os gomorritas? En que consistía a súa culpa aos ollos da divindade?"

Pois, amigo Quique e mais tutti quanti, á vista dos exemplos anteriores, de toda "a que está caendo" -e aínda da que, con toda certeza aínda está por caer-, tal semella que en Gomorra, quen máis quen menos, toda a tropa formaba parte da "Cosa nostra", da "Camorra", da "La´ ndrangheta"... dalgunha sorte de "Sacra Corona Unita" bíblica e de aí o castigo e mais a desfeita celestes. Mais así e todo -e haberá que consultado, a medias, con Roberto Saviano e con Dan Brown-, acontece que nin todos os gomorritas pereceron na catástrofe. Cabe pensar, antes ben, que un certo número deles, tras subornar aos anxos encargados da queima, atravesou desde as beiras do Mar Morto deica a esoutras do Mediterráneo. Logo, rema que te rema, ou a saber como, o caso verídico é que alcanzaron as costas italianas e españolas! En fin; agora mesmo, con Iaveh morto -segundo as teses máis radicais: Nietzsche, nin que dicir ten- ou, polo menos, coa saúde en horas baixas..., parece que tan só nos reste confiar en Podemos; ao cabo, Pablo Iglesias non deixa de ter un aquel profético prêt-à-porter, non coidan Vdes.?

Compartir el artículo

stats