Chega un novo verán e, con el, coma todos os anos, Galicia treme pola sorte do seu monte. Desta volta máis aínda se temos en conta a forte crise económica que nos afecta, e que se pode traducir nun recorte, por parte da administración, no número de medios a empregar para loitar contra esta lacra.

Entón a cuestion é ver de que xeito estes recortes poden supor un agravamento do problema. Só existen dúas maneiras de actuar contra o lume, unha, evitar que se produza (prevención), e, outra, apagalo unha vez que se prendeu (extinción). O lóxico é pensar, polo tanto, que onde cómpre incidir é na prevención. Pola contra, esta foi a faceta que as diferentes administracións tiveron sempre menos atendida, e os poucos esforzos que se fixeron ó respecto foron mal encamiñados. Na miña opinión, o erro foi non atinar ca causa real do problema, os responsables da materia teimaron dende o principio na idea de que o monte arde porque ten moito mato (combustible). Ante esta pouco afortunada conclusión, o xeito de actuar que se lles ocorre non é outro que eliminar o combustible do monte, ou dito doutro xeito, "limpar o monte", calificando as especies vexetais que non son árbores (especies de sotobosque e matogueiras en xeral) como lixo que compre quitar, non tendo en conta que cumpren unha función fundamental no ecosistema.

O monte arde porque algúns delincuentes lle prenden lume deliberadamente, por múltiples e diversas motivacións que case sempre están baseadas en supostos errados e sen fundamento. É un feito que os cartos investidos todos estes anos en "limpar", facendo desbroces masivos, queimas controladas, ou incontroladas ás veces, subvencións a gandeirías extensivas, moi pouco rentables por certo, subvencións a propietarios de montes, e demais dispendios, non serviron en absoluto para porlle freo ós lumes, mais si para contribuir á degradación dos nosos montes.

A solución, ó meu modo de ver, pasa pola posta en valor do monte. Que a xente do rural teña capacidade real de sacarlle proveito de calquera tipo. O monte ofrece múltiples usos e actividades (non só de eucaliptos e cabras vive o home), o alicerce desta idea é a ordenación do noso rural.As concentracións parcelarias xa existentes serían as zonas ideais para emprender esta ordenación. Dicir antes de deixar o tema da prevención, que teño unha excepción ó meu rexeitamento cara a práctica de desbrozar. É moi interesante á hora de traballar en extinción que as pistas, camiños, cortalumes e outras vías de acceso estean ben conservadas e libres de combustible. Estas vías son, na súa maior parte, de competencia municipal.

A extinción de incendios forestais é a máquina come cartos da administración galega, non fai máis que tragar e tragar euros sen que se vexa beneficio, ningunha utilidade por nigún lado, fálase duns 90 millóns de euros cada ano. Dase por suposto que un servizo de emerxencias ten como obxectivo atender aquelas continxencias debidas a accidentes ou causas naturais, e en contadas ocasións algunha falcatruada feita á mantenta. Ó Servizo de Defensa Contra Incendios Forestais da Xunta de Galicia acontécelle todo ocontrario, o 95% dos lumes ós que acude son provocados, e só uns poucos son debidos a causas naturais ou accidentes. A extinción de incendios ten pouco sentido tendo en conta que existe unha pretensión patente de que o monte arda.

Á espera de que algún día se acometa unha ordenación do territorio en serio, para así poder coidar e aproveitar o noso monte, e deixar ós incendiarios sen ningún tipo de escusa nin motivación para prender lume, non nos queda máis remedio que seguir apagando lume, e agardar que cada vez vaia habendo menos incendiarios ceibos.

Como teremos, de momento, que seguir contando cun servizo de extinción potente e caro, cómpre desexar que sexa o máis eficaz posible. Para iso é necesario que cada administración se faga cargo dos cometidos que lle competen, sen asumir os que non lle son propios ou tentar desfacerse dos que lle son pouco interesantes.

Administración Estatal: Debe perseguir ós incendiarios mediante as forzas de seguridade. Non debe aportar medios de extinción, a excepción dos hidroavións por competencias do espazo aéreo. Por exemplo, a Unidade Militar de Emerxencias, cando actúa en incendios en Galicia é pouco operativa e crea moitos problemas de coordinación.

Administración Autonómica: Debe asumir todas as competencias en extinción, tendo un mando único e contratando directamente a todo o persoal necesario. Hoxe pode haber brigadas actuando nun mesmo incendio de moitos organismos diferentes, Xunta, Ministerio, UME, SEAGA, TRAGSA, concellos... A descoordinación é evidente.

Administración Local: As súas competencias son só en materia de prevención. É moi importante que manteñan as vías da súa titularidade en bo estado, sobre todo debidamente desbrozadas e cumprindo a Lei de Incendios con respecto ás franxas laterais. Tamén deben fomentar o uso e aproveitamento do monte. Non deben contratar brigadas, é máis practico que esas brigadas sexan contratadas pola Xunta directamente.

*Coordinador provincial de Compromiso por Galicia (CxG) e candidato á Alcadlía de Lalín