tRIBUNA LIBRE

Rodear o Parlamento

18.06.2014 | 01:32

A Columna Galega das Marchas da Dignidade aparece con forza logo de se constituír nacionalmente e xusto tres meses despois de contribuír a asolagar cualitativa e cuantitativamente as rúas de Madrid o pasado 22M. Paralelamente coas mobilizacións que tamén van ter lugar ese día, a plataforma chama agora ó pobo galego a secundar unha iniciativa simbólica, pero tamén de grandes repercusións na praxe, que vai consistir en arrodear en manifestación o parlamento galego o vindeiro sábado 21 de xuño.

O Morrazo en Loita, como reagrupamento comarcal de organizacións de clase e de movementos sociais, respondendo ó espírito dinamizador co que foi concibido, debe e vai estar en Compostela na mobilización que cerque esta institución. É nos parlamentos onde se decide todo o relativo ós nosos dereitos básicos e que tan ben sintetiza o lema das Marchas da Dignidade: Pan, Traballo e Teito.

A nosa aposta aglutinadora na comarca atopa un esperanzador espazo de expansión onde poder proxectarse e transcender a bisbarra pra converxer con outros sectores e correntes sociais doutros lugares e da máis diversa índole aínda que padezan, da mesma forma ca nós, as penurias do capitalismo.

Nós cremos que o camiño é continuar a persuadir as clases populares e ós milleiros de persoas que peor o están a pasar por culpa da política de recortes da ditadura financeira. A fame está aquí nuns comedores sociais a rebordar e xa non é unha intellecia, como se dicía. Tampouco o son as familias sen vivenda e as desorbitadas taxas de desemprego. Por tanto, seguiremos a insistir na resposta social unitaria que se vén dando dende hai dous anos sacando xente á rúa tódolos venres e mesmo con convocatorias esporádicas maiores tanto en Cangas, coma en Moaña ou Bueu en solidariedade co colectivo de emigrantes no estranxeiro.

Sen a vía unitaria e a aposta pola continuidade sería case impensábel a manifestación de maís de seis mil persoas polas rúas de Cangas na última Folga Xeral. Imposíbel sen a unidade popular e a mobilización permanente. Exactamente a mesma filosofía que practican as Marchas da Dignidade. E aínda hai outra coincidencia máis que conecta esta extraordinaria simbiose: o republicanismo. O sábado día 21, os traballadores e traballadoras da comarca do Morrazo estaremos en Compostela no Rodea o Parlamento, como expresión da continuidade das Marchas. Porque queremos Pan, Traballo e Teito.

(*) Sindicalista da CUT

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine