Non sei se antes ou despois de asistir á misa de Páscoa na falsa catedral de Cristo Salvador, en Moscovo, Putin diu unha espectacular roda de prensa, como saben. De Gaulle e Couve de Murville, cando querían alporizar "les americains" e os seus amigos de Italia e Alemaña, soían insistir en que Europa termina nos montes Urales, tal como a min me ensinaban na escola.

O mito europeísta é un constructo democristián e "socialista" bencido polos EEUU, que exclúe Rusia. Putin sacou peito e dixo que Europa ía de Lisboa a Vladivostok, o que é parte da verdade. Despois falou do espírito europeo de Rusia. Se eu fose guionista de Putin faríalle un texto no que revindicaría, para horror da CIA, que a pintura abstracta apareceu en Rusia da man de Malevich, Rodchenko, Popova, etc. Que a linguaxe cinematográfica é Einsestein ou non é nada. Que a táboa periódica dos elementos químicos naceu na mente de Mendeleiev.

Non faría eu falar a Putin de lingüística, de música, de antropoloxía, de ballet e outras materias nas que abundan os nomes procedentes do Grande Leste. Si lle poñería no guión que Marx, filósofo da Renania, foi posto na práctica por Lenin na máis avanzada revolución que coñeceron os séculos. - que a URSS constituiu, con Yugoslavia, un perfecto intento de estado de convivencia multinacional. Non esquecería eu de lle facer pronunciar a Putin palabras hoxe prohibidas. Elas serían que Rusia, coa URRSS, heroicamente, lle fixo a Europa o mais inestimábel dos presentes. Derrotou militarmente (sen a axuda dos fascistas ucraínos, hai que o relembrar) o nazismo e o imperialismo alemán. - suliñaría o feito de que foron os soldadiños soviéticos os que agatuñaron á cúpula do Reichstag berlinés para espichar no alto unha bandeira vermella que indicaba que o fascismo acabara en Europa. - se o fascismo continuou en España e en Portugal non foi precisamente por culpa dos rusos nin dos soviéticos.

Digo eu que, si fose guionista de Putin e lle escribise cousas coma estas, habería alguén no seu arredor que me mandaría fora do staff. Naturalmente Putin non é comunista, pero está cargado de razón cando di que é impensábel unha Europa sen Tolstoi e sen Dostoievski (ou non foi así como el dixo?).