Desde hai trinta anos a Aula Castelao vén desafiando as tendencias dominantes do pensamento (e do antipensamento) na súa Semana de Filosofía de Pontevedra. Cando se abre a semana, á tardiña, sempre hai quen vexa unha coruxa que ergue o vóo no campanario da Peregrina e que aletexa, donda e silandeira, en dirección ao cume máis alto da Fracha, por onde é a Chan da Parafita.

A Semana pasou estes anos informalmente conectada coa revista A Trabe de Ouro e coa editorial Laiovento. Tales son os espazos que nesta idade de ferro deron vida ao pensamento xenuíno. En Galicia, o estructuralismo non reduciu a filosofía a un sistema de reloxaría, o heideggerismo non deu feito masa entre o pneumático e a meditación sobre o Ser, a morte das ideoloxías non afectou ao pensamento crítico e o posmodernismo excusou erixirse na lóxica inevitábel do capitalismo último.

A contracorrente, a Semana exercitou o pensamento en canto tal, ou sexa audaz e adverso ás sombras como é o vóo da coruxa que procura os cumes penedosos. Puxo a Semana a Filosofía, ano tras ano e durante trinta, en conexión coa Praxe, coa Ética, co Ensino, coa Ciencia e a Sociedade, coa Identidade, co Poder, coa Ecoloxía, con Latinoamérica, coa Nación, coa Democracia, co Xénero, coa Lingua, co Traballo, coa Filosofía mesma, coa Autodeterminación, co Milenio, coa Técnica, co Deporte, co Compromiso, coa Cidadanía, coa Sustentabilidade, coa Violencia, coas Diferenzas, coa Utopía, coa Educación, coa Economía, coa Mentira, con Europa, coa Memoria.

Este ano, o tema da Semana da Filosofía de Pontevedra será "Filosofía e Revolución". Somos moitos os que pensamos que en Pontevedra pervaga a pantasma, idealista e revolucionaria, de Indalecio Armesto. Estou seguro de que tal espírito amigo se fará sentir nas sesións, as cales terán lugar do 21 ó 25 desde belo Abril. - tamén quixera crer que a sombra do alcalde comunista de Pontevedra, García Filgueira, tamén se fará presente neste complexo simposion sobre a Revolución que nos reclama.

"Por qué Marx tiña razón" é o título, ben provocativo, da conferencia inicial que pronunciará Terry Eagleton. A de clausura será proferida por Farruco Sesto Novás, o noso poeta, arquitecto e político galego e venezolano. Entre Eagleton e Farruco, e acompasadas a sete vóos da coruxa, sucederánse as leccións e os debates destinados sen dúbida a prevalecer na memoria para acción.