Hai xa seis anos (outubro de 2008) que a Armada retirou da zona de Onza un bo número de proxectís procedentes do afundimento do patrulleiro francés Barsac, afundido nestas augas no ano 1940.

O redescubrimento dos restos por parte dun grupo de submarinistas do "Club de Buceo Ons", fixo acender as alarmas pois eses proxectís poderían engancharse nalgún aparello de pesca e a súa manipulación posterior podería provocar algunha desgraza. Iso foi o motivo de que se desprazaran ata o lugar buzos da Armada para recollelos, desactivalos e "desfacerse" deles.

Por aquelas datas membros da Asociación cultural PineirÓns, coidaron moi interesante que, despois de desactivados, algúns deses proxectís pasaran a formar parte do Centro de Visitantes da Illa de Ons e alí, xunto a outras pezas do naufraxio (que coidamos están en mans de particulares e habería que recuperalas), poñer paneis explicativos, fotos, maquetas,?, que informaran deste desgraciado accidente e servir de introdución cara a unha futura Sala Didáctica sobre os naufraxios acaecidos na Illa de Ons e arredores, dentro do Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Non houbo resposta á nosa petición, aínda que por parte de Parques a idea considerouna boa e, segundo conta o seu Director, estiveron e están en contacto coa Armada para que algúns deses proxectís pasen a formar parte do edificio Cambón en Vigo, como sede central do Parque, e do Centro de Visitantes de Ons; pero ata a data nada sabemos do asunto e sería grave que a Armada se desfixera deles.

De novo, o pasado 2 de maio líamos no Faro que Defensa conserva un vertedoiro con toneladas de armas a 21 millas de Ferrol. De novo saltan as alarmas. Por que a Armada despois de desactivar eses proxectís non entregou parte deles a Parques para expoñer nos seus Centros Didácticos? Prefirirían botalos ao mar e emporcallar máis os xa deteriorados océanos e mares?

Coidamos que Parques debería poñerse en contacto coa Armada e solicitar parte deses proxectís, se é que aínda os conservan, e así, con outro material recuperado dese naufraxio e por especialistas, preparar uns paneis informativos sobre a historia e naufraxio e xunto con fotos, sexan expostos nos Centros de Vigo e Ons co fin de ir mostrando, para uso lúdico, didáctico e turístico, a historia arqueolóxica submarina que albergan estas augas co fin de, conseguido o seu coñecemento, aprendamos a poñelo en valor, coidalo e, sobre todo, protexelo.

*Presidente de PineirÓns