Nin que dicir ten, estou certo de que han de estar todos Vdes. -sempre moi amables lectores destas crónicas semanais- perfectamente ao cabo da singular noticia: velaí que a Uefa vén de admitir no seu seo, e como membro de pleno dereito, a Xibraltar. Polo visto, acontece que un laudo emitido polo Tribunal de Arbitraxe do Deporte -Tas- obriga á entidade presidida por Michel Platini a adoptar semellante decisión mesmo en contra dos seus propios estatutos. Segundo o secretario xeral da organización futbolística, Gianni Infantino, a Uefa "é unha entidade deportiva que se mantén á marxe da política." Cabe entender, xa que logo, que en virtude diso, tanto el mesmo como Platini matizaron a continuación que van facer todo o necesario -cargar/trucar as bólas?; romper o bombo do sorteo?; secuestrar o árbitro e mais os xuíces de liña?; facer que unha grea de ovellas coma toda a herba do estadio "llanito"?- para que un España-Xibraltar se convirta nunha eliminatoria imposible. "Mesturar política e deporte resulta sempre tóxico", afirmou Infantino. Logo de tal aseveración, e como no célebre soneto con estrambote cervantino, "...incontinente/caló el chapeo, requirió la espada,/miró al soslayo,/fuese y no hubo nada." En fin, todo sexa para que España manteña a honra a flote, xa que non os barcos! Desde logo, hai que ver como nos vai: e iso que xa non goberna ZP!

"Fútbol é fútbol". Certamente, ao longo da historia si que se pronunciaron e/ou escribiron frases célebres para todos os gustos e conxunturas. Produto da arrogancia continental: "tempestade sobre o Canal da Mancha: Gran Breteña illada"; resultado da insolencia británica: "tempestade sobre o Canal Inglés: o Continente illado". Nihilismo de alta gama: "lo que no eh, no eh, y ademah eh impozible". Turismo internacional: "soldados de Francia, desde o alto destas pirámides, corenta séculos están a contemplarvos!" Humor negro: "todos somos iguais diante da lei". Non obstante, de entre todas elas, coido que ben merece lugar destacado esoutra, primeira, debida ao inefable Vujadin Bo?kov: "fútbol é fútbol". Sinceramente, poucos aforismos poden amosarse á vez tan rotundos; tan rotundos... e fan falsos!, porque se de algo si debemos estar certos neste planeta -ademais de que é posíble matar a calquera, que diría Al Pacino/Michael Corleone- iso radica en que o fútbol sempre, absolutamente sempre, é algo máis que si mesmo. climaterio de Angela Merkel, Festival de Eurovisión e fútbol deveñen talmente como a Trindade: tres eventos distintos, pero unha soa política verdadeira.

"¡Gibraltar, Gibraltar!,/avanzada de nuestra nación./¡Gibraltar, Gibraltar!,/punta amada de todo español", cantaban os rapaces do Frente de Juventudes cando este, seu, modesto cronista viña ser iso mesmo: un rapazalo de pantalón curto e calcetíns "tiroleses". "Gibraltareña, gibraltareña,/fueron muchas noches las que soñamos con nuestro amor./Gibraltareña, gibraltareña,/cruzaré La Línea para besarte junto al peñón", afirmaban, moito menos drásticos e infinitamente máis poéticos, tanto a guapa Alma María Vaesken -"Los 3 Sudamericanos"- como o inesquecible crooner enxebre, o desaparecido paisano Pucho Boedo. Non sería de extrañar, daquela, que unha nova balada, ou cumbia ou rap ou que estea na moda, veña sumarse ao cantigueiro popular/popularizante. En todo caso, a cantiga debería dar noticia da liga xibraltareña, "llanita": unha competición que conta con seis equipos e un único estadio, o Victoria Stadium con capacidade para 5000 espectadores -para seareiros, en particular, e frikis, en xeral, digamos que o campión 2012-13 é o Lincoln F.C. que suma co presente seis títulos seguidos-, e baixo a fórmula de catro voltas. Efectivamente: Ez egin du, mesedez; No fem comparacions, si us plau. Reiteremos: queridos nenos/as, nunca, nunca, nunca hai que mesturar o deporte coa política.

Así pois, e se Platini e mariachis adxuntos non menten, non teremos ocasión, malia todo, de contemplar un emocionante, escintilante España-Xibraltar; como tampouco veremos, seica, un España-Cataluña ou un España-Euskadi. Flemáticos que son os fillos da Gran Bretaña, é sabido que levan toda a vida aceptando os Escocia-Inglaterra, Gales-Inglaterra... como se tal cousa; mesmo -aínda que só sexa para o rugby- admiten que a República de Irlanda e mais Irlanda do Norte consitúan un único equipo a xogar os partidos "de casa" en Dublín. Polo tanto, é moi de agardar que nada, absolutamente nada de abriante consideren agora nun hipotético Inglaterra-Xibraltar.

Que facermos, pois? Se alguén que eu me sei, ademais de barón fose varón, petaría forte enriba da mesa e esixiría aquilo que de veras lle cómpre esixir: tal é que, á vez de Xibraltar, Ceuta e Melilla sexan acollidos de inmediato pola Uefa e demais organismos como membros de pleno dereito. Sen dúbida, viviriamos así os máis vibrantes derbis do estreito!