Hai un par de semanas emitiuse na Sexta un interesante documental titulado Cuestión de educación. Nel analizábase a estrutura e funcionamento do mellor sistema educativo do mundo, o finlandés, ó tempo que se facía unha comparación co sistema educativo español co obxecto de analizar cales son os males dos que adolece o mesmo. Ó comezo do documental Jurjo Torres, catedrático de Didáctica e Organización Escolar, apuntaba como un dos factores clave do éxito do sistema educativo finlandés a extraordinaria calidade do seu profesorado. Aínda que moitos se apuran a criticar o inapropiado das comparacións, en moitas ocasións son unha ferramenta tremendamente útil para reflexionar acerca de cuestións coma a que nos atinxe neste caso. Por iso, postos a comparar, vexamos cales son as diferencias entre ámbolos países nun ámbito de tanta trascendencia social como o da formación do profesorado. A primeira sorpresa que reflexa a comparación reside nos criterios de acceso ás titulacións universitarias do eido educativo. Acaso non lles sorprende como a min o feito de que en países como Finlandia as titulacións do ámbito educativo se caracterizen por seren as que contan cos sistemas de acceso máis esixentes mentres que en España sucede exactamente o contrario, sendo a titulación de maxisterio a que conta con notas de corte máis baixas? En qué quedamos, queremos contar cun bo sistema educativo, cos mellores profesionais que logren formar a cidadáns competentes, capaces de abordar con éxito un futuro social e laboral que se presume cada vez máis complexo, pero non nos preocupamos por seleccionar con rigor dende as primeiras etapas de formación ós que serán os futuros profesionais da educación.

Por razóns coma esta sorpréndeme escoitar mensaxes coma o que recentemente o señor Wert predicaba con orgullo nunha das súas declaracións, na que alertaba da necesidade de que os mestres e profesores españois gocen dun maior prestixio social como ocorre noutros países modelo como Finlandia ou algúns países asíaticos. Pois ben, se o señor Wert quere que os mestres gocemos de maior respeto na nosa sociedade podería comezar por respetarnos el mesmo endurecendo os criterios de acceso ás titulacións universitarias do ámbito educativo como sucede neses países ós que tanto admira. Por certo, neses países referentes en educación para a elaboración das reformas educativas cóntase co criterio dos verdadeiros expertos en educación, é dicir, os mestres, exactamente o contrario do que está a facer o señor Wert co anteproxecto da LOMCE, cuxa elaboración unilateral está a provocar a oposición da mayoría dos sectores da sociedade.

A este desacertado criterio de selección de alumnado nos centros universitarios, debemos engadir un segundo déficit que a comparación entre países pon de manifesto. Refírome con isto ós procedementos de acceso ó corpo de profesores das distintas etapas educativas que se empregan no noso país (as famosas oposicións). Aínda que con pequenas variacións dependendo da especialidade docente, o modelo de selección de profesorado que se emprega en España valora fundamentalmente a habilidade para memorizar e reproducir fielmente contidos relacionados co ámbito educativo pero cuxa simple reproducción oral ou escrita non permite valorar se as aptitudes do aspirante son as que se requiren para desempeñar unha tarefa tan complexa coma a de ensinar. Non se valora en absoluto a personalidade do aspirante, a capacidade de reflexión, o grado de motivación intrínseca que o impulsa a querer convertirse en docente e o máis importante, non se valora en absoluto a habilidade para desenvolverse no aula, para motivar, para interpretar e manexar as emocións ou para interactuar cos rapaces e coas familias. Todos estes factores, que en países como Finlandia se analizan con detalle, en España son totalmente obviados posto que a nosa prioridade é a de avaliar a habilidade para memorizar decretos, ordes, teorías e autores. Qué curioso, xactámonos de dicir que é preciso ensinar ós rapaces a ser críticos, reflexivos, a non absorver a información de forma pasiva, pero sen embargo non nos aseguramos de que os mestres que supostamente han de potenciar ditas habilidades sexan expertos nas mesmas. Se a ninguén se lle ocorrería excluir como requisito para a obtención do permiso de conducir a superación da proba práctica debido ás graves consecuencias que tal medida suporía, por que no ámbito educativo si que estamos dispostos a prescindir deste requisito básico permitindo dese xeito que se "colen" persoas con grandes habilidades memorísticas pero sen as habilidades e destrezas de tipo persoal que se requiren para desempeñar unha profesión que pouco ten que ver co dominio teórico?

Está claro que hai moito que facer para solucionar as graves doenzas das que padece o noso sistema educativo, pero pode que un bo comezo sexa facer unha boa diagnose das mesmas. Atopar un posible tratamento son palabras maiores.

*Veciño de Xaxán (Lalín)