Algúns adiviños deste novo mundo, o que se está a formar coa crise do capitalismo, sufragada polos pobres, pronostican que o santo remedio contra todos os males está en meter miseria onde non hai recursos, é dicir, xuntar a miseria coa pobreza. Esta nova fórmula consistente en facer máis pobres aos necesitados, aumentando cada vez o seu número, non é unha novidade das multieconomías, senón unha práctica cotidiana do pasado, polo que non se está a inventar nada novo.

No sistema económico mundial viña sendo habitual, desde o colonialismo, que os países ricos, aos que chamaban metrópoles, aplicasen un modelo de intercambio de bens inxusto e desequilibarado. Mandábanlles ás colonias toda a basura comercial que tiñan e traían delas os recursos necesarios para seguir sendo grandes potencias económicas. Canto máis puideran sacarlles, deixándolles o mínimo posible, mellor lles funcionaba o sitema. Era un mundo despiadado e, no marco desa economía, os que tiñan os recursos non podían disfrutar deles porque había outros que llos substraían dolorosamente.

O que pasou na historia moderna e contemporánea continúa reproducíndose a nivel local na Nosa Terra e ten como exemplo evidente a instalación dunha planta incineradora de basuras no Irixo. Este concello é un dos máis pobres de Galicia e, por iso, foi elixido premeditadamente para ser o lugar de almacenaxe, vertido e queima de lixo de toda a Galicia Meridional, incluída a zona costeira. O normal sería que o prepotente goberno galego adoptase decisións coherentes e consecuentes coa realidade socioeconómica, pero optou polo máis fácil e cobarde. Ubicar unha planta destas características nunha zona pobre e deprimida resulta moi fácil, porque é doado convencer aos caciques de turno e facer que estes exerzan presión social mediante argucias e manipulacións, situadas ao límite do legal e completamente fóra do lexítimo.

Houbera resultado coherente que se optara por outros tratamentos do lixo máis acordes co respecto polo medio ambiente e se levaran esas instalacións para zonas cercanas aos lugares de acopio do lixo, é dicir, no entorno das Rías Baixas, pero o medo ás protestas sociais freou a toma de decisións máis axeitadas. Como o responsable de todo isto é o goberno galego é normal que o califiquemos de covarde e carente de sensibilidade en relación co medio ambiente.

Consecuentemente, esta decisión era propia dunha época colonialista como foi a dos séculos XVII e XVIII, pero resulta impropia do século XXI. Hai algo que non cambiou aínda neste arcaico Reino de Galicia: O modus operandi dos gobernantes. Coas súas decisións, non avaladas por ningún informe sanitario, económico e medio ambiental, están condenando a continuar na pobreza e na miseria aos habitantes das áreas deprimidas, pero como se trata dunha actividade altamente contaminante, non lles importa que afecte aos territorios do entorno. Estes territorios son a comarca gandeira de Deza e a comarca vinícola de O Ribeiro. Unha triste realidade que se obstinan en manter e, incluso potenciar en negativo.