O domingo de ramos fun convidado pola Asociación Cultural, Deportiva e Xuvenil Meiro de Bueu a participar, xunto coa sociolingüista Ana Ameal, o matemático Luís Cachafeiro e o tradutor Henrique Harguindey, nunha mesa redonda sobre a situación actual e o futuro da lingua galega. O debate -seguido por un público moi atento, participativo e numeroso- encadrábase dentro do apretadísimo programa do “Encontro Degustación do Millo Corvo”, unha festa gastronómica e cultural (declarada “Festa de Interese Turístico de Galicia”) coa que esta asociación cada inicio da primavera pecha o seu ciclo de traballos anuais co que pretende recuperar no Morrazo esta variedade de millo de cor negra e a rica cultura tradicional a el asociada.

Máis alá do sabedeiro das bolas, empanadas e doces, preparadas todas elas só coa fariña desa variedade de millo (chamado “millo morado de Sudamérica”), hai once anos a piques de desaparecer, a festa de artesanía agroalimentaria de Meiro amosa que é posible un enfoque transversal da recuperación das actividades agrarias en Galicia, compatible tanto coa posta en valor e actualización do patrimonio cultural herdado (sexa material ou inmaterial), como co desenvolvemento dunha economía sostible e biodiversa. Respecto pola tradición e aposta pola biodiversidade convértense, pois, nas dúas trabes do exitoso modelo de recuperación dun patrimonio etnográfico, medioambiental e gastronómico que os veciños e veciñas de Meiro veñen artellando arredor do millo corvo.

Un proxecto que tivo por obxectivo primeiro o rexurdir na propia parroquia das actividades agrarias vinculadas ao ciclo anual do millo corvo, dende os labores manuais da sementeira, da cava, da renda, da rega, pasando polos da corta do pendón, até os da corta e o empalleirado que en Meiro se adoita facer cos milleiros enteiros coa intención de que a espiga acabe de refacerse no palleiro. Labores que se completan cos da esfollada e debullada e, sobre todo, coa muiñada realizada no muíño do Canudo, no que ademais de preparar a fariña e o óleo do millo corvo de toda a tempada, constitúe unha importante atracción para quen queira observar o funcionamento dun muíño de auga, recuperado hai unha década, en todo o seu rendemento.

Amais de recuperar este ciclo produtivo, o proxecto de Meiro complétase co desenvolvemento do seu proxecto gastronómico baseado no amasado e cocido da bola corva de porta aberta, a grande protagonista da festa. Proxecto que levedou hai catro anos cando o Millo Corvo de Meiro foi incluído dentro do catálogo internacional da “Arca do Gusto de Slow Food” (un censo internacional de produtos alimentarios locais ameazados de extinción) considerándoo como un producto de excelencia gastronómica defensor da biodiversidade. Esta distinción, que en Galicia só posúen, até o momento, a centola de Lira e as carnes do porco celta, sitúa ao do Morrazo no interesantísimo contexto do movemento da “Slow Food” (a antítese do “Fast Food” da comida rápida) que combinando pracer e coñecemento pretende favorecer o consumo de produtos locais de tempada e o maior respecto polo medio ambiente. O Millo Corvo sitúase, pois, nesa reivindicación da lentitude (un valor de futuro), do feito a conciencia e rigor, emblemas dunha nova calidade alimentaria e gastronómica (e tamén de vida) que se rebela contra a perigosa uniformización ocasionada polos produtos tranxénicos.

Outra faciana que merece ser salientada é a intención educativa e didáctica do proxecto de Meiro, tanto por medio da implicación nas súas actividades dos centros educativos do Morrazo e da propia cidade de Vigo, como polas súas publicacións dirixidas a interesar aos rapaces na participación nas actividades agrarias, na recuperación da toponimia ou no coñecemento das pezas principais desta cultura tradicional (dende os nomes dos útiles de labranza ao patrimonio inmaterial do folclore a eles asociados) e a inculcarlles o respecto polo medio ambiente.

Particular importancia ten a experiencia pioneira do Millo Corvo neste 2010 declarado pola ONU como “Ano Internacional da Biodiversidade”, coa intención de promover a protección da diversidade biolóxica e tentar que dende os gobernos, empresas, asociacións se poñan medidas directas para reducir a perda constante de diversidade biolóxica en todo o planeta. Un ano da Biodiversidade que, a pesar de non parecer existir para a Xunta de Galicia, debera supoñer un compromiso inequívoco pola conservación integral dos nosos espazos naturais, das especies ameazadas da nosa fauna e flora, dos nosos bosques, da variedade dos nosos produtos alimentarios e da súa expresión cultural. A aposta anticipatoria por unha cultura transversal da biodiversidade é o grande acerto deste proxecto do Millo Corvo.

bretemas@gmail.com