Segunda Feira

"Industrias Pesqueras", revista

X. L. Méndez Ferrín

 22:39  

Para os filólogos romanistas do mundo, Vigo é a cidade de Martin Codax, mais ese recoñecemento carece de dimensións económicas. Vigo podería tirarlle proveito a Martin Codax, Johan de Cangas e Meendiño; nin quere nin sabe. Imaxínanse o clube financeiro de Vigo, que sostén que o galego constitúe unha pexa para os negocios, promovendo unha industria cultural de elite pola ría de Vigo ou un espazo de memoria Martin Codax á maneira de Stratford-on-Avon? Eu non podo imaxinar tal cousa.
Para as industrias da pesca de todo o mundo Vigo representa un centro de relevancia. Isto ocorre porque no pasado (anos vinte) amos e mariñeiros abriron unha nova fronteira no Mar Céltico e descobriron, con Bouzas á cabeza, o Grand Sole. Aquelas "parejas" pioneiras aínda navegan na memoria da miña xeración deixando por estribor ou couso as Aran rumbo á costa de Galway. Non tardaron en vir os armadores, sempre apoiados nos mellores mariñeiros que poidan existir, a abrir a segunda grande fronteira da pesca galega: os mares austrais de América e África. As técnicas de conxelación fixeron posíbel esta extensión planetaria. Se Galicia fose independente, na era dos conxelados sería unha das primeiras potencias pesqueiras do mundo. Ao longo de todos estes anos a pesca galega tivo un acompañante intelectual e ideolóxico que foi Valentín Paz Andrade. A teorización pesqueira deste home clave na nosa historia contemporánea estaba articulada nun sistema de ideas económicas e políticas que tiña Galicia como destino final. Por suposto, no pensamento de Paz Andrade Vigo sería permanentemente a grande urbe da novidade industrial e cultural, e soubo transmitirlle ese "viguismo" nacionalista a Castelao e a Bóveda, a través mesmo do xornalismo espléndido de Galicia. Tamén propuxo Don Valentín a fundación dunha banca galega en Vigo, pro falláronlle os capitalistas locais que parece ser que carecían de vocación financeira.
Con todo, a patronal pesqueira tivo sempre dous puntos negros. Primeiro, a avidez desmedida de lucro inmediato e a mentalidade arcaica dos armadores que maltrataban os seus traballadores, sendo tales amos ou armadores procedentes en moitos casos do estamento mariñeiro. Segundo, un afán predador que lles impediu concebir que a pesca ten que ter límites e que a natureza non pode ser violentada universalmente e sen medida.
Estes días celebrouse en Vigo a World Fishing Exhibition e constituiu un éxito. Vigo, máis unha vez, foi a capital mundial das pescas e consolidou esta centralidade.
O que nos leva a pensar en Industrias Pesqueras.
Esta revista fora fundada en 1927 por Valentín Paz Andrade, quen a dirixiu até o seu falecemento, nunha xeira moi ben axudado por F.F. del Riego. Industrias Pesqueras continúa a ser editada en Vigo, cara o Atlántico e fronte a Nova Inglaterra. O seu editor é agora Alfonso Paz-Andrade, fillo do que iniciou a empresa. A publicación representa o sector da pesca no máis alto nivel internacional. Responsábel de que a World Fishing decida unha e outra vez plantar os arraiais da súa feira en Vigo é a revista Industrias Pesqueras ou sexa, naturalmente, o seu patrón Alfonso Paz-Andrade, quen, en moitos aspectos, continúa a liña ideolóxica do seu pai a respecto da economía pesqueira e aínda aporta novas perspectivas e enfoques derivados das mudanzas que se producen no mundo. É polo que digo eu que Galicia e a cidade de Vigo lle deben unha comprida homenaxe a Alfonso Paz-Andrade.

  HEMEROTECA
Caja Negra        O Bichero         Floreano
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad 2009