Transcorridos xa case dous meses da derrota electoral do PSdeG-PSOE e do BNG -á que non foi allea unha campaña electoral dos conservadores moi suxa e moralmente desapiadada (o que non debe sorprender a ningúen, xa que ese particular estilo comunicacional continúa sendo o propio da dereita en España dende os tempos republicanos)- non teño dúbidas de que unha das súas orixes estivo na continuidade por parte dos membros do bipartito das formas de comunicación política empregadas polo fraguismo.

Os membros dos equipos de Touriño e Quintana, mobilizados por un inxenuo patriotismo de partido, creron que acometer unha suave transición das formas de goberno fraguistas axudaría a impoñer con maior facilidade o seu novo programa de rexeneración democrática, modernización e galeguización do propio país. Esta é a razón pola que se repartiron o control dos espazos de comunicación públicos (incumprindo o seu compromiso de aprobar un novo estatuto para a CRTVG) ou pola que Quintana continuou, por poñer só outro dos múltiples exemplos posibles, coa política das festas de maiores. Dúas actuacións, a do control férreo dos informativos da TVG por parte do PSOE e a dos macrobailes por parte do BNG, incompatibles cos desexos de cambio profundo e real demandado por unha cidadanía que tivo un papel decisivo para upalos de forma moi axustada na Xunta, rompendo coa xeira de gobernos fraguianos. Outrosí aconteceu coa errada estimación das posibilidades electorais do Partido Popular que, aínda sendo insolvente na súa oposición parlamentar (lembramos algunha intervención memorable de Feijóo no Hórreo?), conservaba unha enorme fortaleza electoral, organizativa e territorial, acrecentada polo papel dos medios de comunicación reaccionarios que traballaron arreo para que regresasen aos despachos de San Caetano. Sen desbotar a influencia que puido ter no seu fracaso o carácter bipolar do goberno, creo que Touriño e Quintana perderon as eleccións máis por este errado enfoque de non abandonar as formas da cultura política fraguiana ca polos méritos de Alberto Núñez Feijóo e o engado da súa proposta programática.

Dous erros, o de minusvalorar as posibilidades dos adversarios e o de asumir o custo da continuidade coas formas de comunicación política do fraguismo, que pretende evitar o actual presidente Alberto Núñez Feijóo. Aí temos o exemplo da súa demagóxica utilización dos coches oficiais que tanto proveito lle rendeu en campaña electoral: a flota de Audis da Xunta adquirida por Manuel Fraga sería unha mostra máis do despilfarro de Touriño; mentres, pola contra, utilizar os Citroën fabricados en Rennes constitúe unha mostra de apoio do seu goberno á industria galega de automóbil en momentos de crise profunda. Outrosí sucede coa política de implantación territorial do goberno de Feijóo (denominado nas primeiras notas oficiais da Xunta “máximo mandatario galego”, como se dun xefe de estado se tratase), pola que a costa de eliminar as delegacións provinciais de cada unha das consellarías, se crean cinco grandes delegacións da Xunta (presididas por cinco delegados con rango de case “vicepresidentes da Xunta”) dispostos a desputar en cada unha o liderado ao presidente da Deputación e en Vigo (“quinta provincia”) ao propio alcalde. Unha medida política arteira -destinada a controlar de vez ao seu propio partido e a facer o maior dano posible aos PSdeG e BNG, nese obxectivo de reconquistar todos os gobernos municipais das cidades- sabiamente vendida polo novo presidente como “mostra de austeridade en tempos de crise”.

A composición do novo Goberno Galego de Feijóo ofrécese como un modelo alternativo ao bipolarismo anterior, salientando diante da cidadanía como garantía da súa eficacia o seu presidencialismo e a súa unidade de criterio. Para iso, artellouse sobre un primeiro núcleo duro de superconselleiros de partido (Rueda, Hernández e Guerra) e un segundo escalafón de conselleiros e conselleiras, de perfil aparentemente máis “técnico” (non sei que é iso na política), dispostos a executar por riba de todo e non sabemos a que prezo o programa electoral do partido. Un modelo de goberno, onde Feijóo terá a última palabra sobre todos e cada un dos asuntos e sobre todos e cada un dos seus calendarios de execución, semellante en espírito e estrutura ao da temible Esperanza Aguirre ou ao do polémico Camps. Con este novo modelo, Feijóo remataría por fin co derradeiro lastre herdado do fraguismo, o peso do sector da boina, liquidando desta primeira liña de goberno calquera indicio da súa incómoda tradición galeguista e ruralizante. Non hai dúbida de que Alberto Núñez Feijóo tomou boa nota dos erros do bipartito. Evitar o que lle sucedeu a Touriño e Quintana na pasada lexislatura semella a súa primeira deriva.

bretemas@gmail.com