segunda feira

Pregunta a Boughaleb El Attar

X.L. Méndez Ferrín

 

Lembro que o xeneral Enrique Líster púñase feroche cando sentía falar de Guerra Civil Española. El sostiña, e coido que con moita razón, que en España houbera unha guerra do pobo ou dos pobos de España contra unha coaligación de forzas militares estranxeiras. Os alemáns, coa temíbel aviación da Lexión Condor (a simpatía pola ave que come carniza delatábaos). As ben armadas e alimentadas unidades fascistas de Italia: aquelas Frechas Negras que o propio Líster esmigallara en Guadalajara. E os mouros. As Brigadas Internacionais tiveran que retirarse. As democracias fixeron eclipse. Entendamos como mouros, en sentido non pexorativo, os habitantes do protectorado español de Marrocos que se alistaron máis ou menos voluntariamente para loitaren con Franco contra a República. Foron recrutados, alén de na zona do protectorado español, nas prazas de soberanía plena de Ceuta e Melilla, en Sidi Ifni e no territorio de Río de Oro ou Sahara Occidental. O Sultán Azul foi un mito.

Acabo de ler, nun interesantísimo artigo (El País, 10-VII) asinado por Goughaleb El Attar, que estes continxentes de tropas mouras sumaron uns 100.000 homes. Eu aínda case lembro, moi vagamente, unha compañía de mouros acuartelada no convento de Celanova, á fin, da guerra, que facía servizo de garda cando aqueles edificios estaban habilitados para prisión política de exterminio. Contaban os vellos que, a escuso, estes soldados cultivaban a grifa ou cannabis no espazo que rodea o castelo de Vilanova dos Infantes. Chamábanlle “te”, seica.

Di El Attar que estas tropas foron levadas á guerra de España mediante a seducción e o engano e que procedían da miseria e da ignorancia. Seguro que foi así. Tamén afirma que a lenda de ferocidade e crueldade das tropas mouras foi parte da propaganda intimidatoria do propio franquismo. En todo caso, a nosa propaganda insistiu moito no odio aos mouros en canto que forza de choque incivilizada e cruel contra as Luces que representaba a República. Así fomos nós.

Chámame moito a atención unha afirmación do articulista. Dinos el que a maioría dos combatentes marroquinos de exército fascista procedía das montañas do Rif. Cómo pode ser esto posíbel se poucos anos antes da guerra (non civil) precisamente no Rif houbera un levantamento dirixido por Muhamad Ábd al-Karim (Abd el-Krim) (1921) cuxo episodio máis notábel foi o desastre de Annual e que culminou no desembarco de Alhucemas en 1925. Nesta guerra, terríbel, participaron o mesmo Franco e a crueldade contra os independentistas rifeños foi extremadamente violenta e contraria, por parte española, ás regras internacionais e aos máis elementais dereitos humanos.

O Rif sentiuse daquela derrotado e humillado. Abd el-Krim, heroi do seu pobo, era un líder béreber de lingua tamazigh e non árabe que detestaba o sultán alawita. Era republicano, un intelectual e un precursor do movemento de liberación nacional do Terceiro Mundo, e do Norte de Africa en particular. Mesmamente Abd el-Krim morreu en 1963, cando nacía en Galicia a UPG, no Cairo e protexido polo partido socialista de Nasser. E se Abd el-Krim, lider do Comité para a Liberación antifranquista, cómo pode ser posibel que a maior parte dos 100.000 combatentes franquistas marroquinos na guerra de España procedesen do Rif, bastión hoxe mesmo do nacionalismo bérbere?

Tería moito gosto en que Boulagheb El Attar me aclarase esta cuestión. En todo caso eu estou moi dacordo con este señor cando di que a participación marroquina no bando franquista da guerra de España aínda non foi estudada debidamente.

  HEMEROTECA
Caja Negra        O Bichero         Floreano
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya