Quizais sexa o candor que alaga estas datas entrañables, pero considero que somos tremendamente permisivos cos excesos. Con todos. Os primeiros, os nosos propios, como as ceas, xantares e pinchos de Nadal. Unha desas tradicións relativamente recentes que xa se fixeron de ferro colado. Tan férreas que non coñezo practicamente a ninguén que zafe das enchentas. Eu teño que confesar que o xoves pasado tiven unha copita institucional ás 13,00, un xantar de pinchos non menos institucional ás 14,30, e logo dei asistido a un xantar de colegas de traballo ás 15,45. Rematei ás 18,00 e logo tiven que coller ruta cara Compostela para a cea da empresa, e ó día seguinte, outra paparota institucional. Dirán que me pasa por merendiñas, que se non che peta, con non ir, amañado. Pero por iso insistín no de "institucional". Está mal que non vaias. Sobre todo que vaias a unhas e non a outras. Eu non sei si se comparan uns e outros as listas dos que foron ou deixaron de ir, pero para min que si. Aínda que sexa de forma indirecta, como nos enterros. "Cando o do finado curmán da túa cuñada non vin a X nin a ninguén de alí?"/ "Non sei, non me dei conta, pero veu unha chea de xente". Así que se te collen nun momento propicio e confirmas que si, xa é todo costa abaixo, ou esófago abaixo, máis exactamente. E se vas ás institucionais, con que cara lle dis ós amigos que non vas ás súas.

Pero aínda fóra das comenencias (nunca mellor dito o de come?nencias) institucionais, estes días os restaurantes e os estómagos están cheos de celebrantes. Os compañeiros de oficina, de partida, de pandilla, de clase, de club? mesmo os da Adoración Nocturna deben ter ceas/xantares. Teño unha amiga que ata participou nunha cea coas compañeiras de pilates. Un colega contoume -sentámonos ó lado nunha celebración profesional- que esa noite tiña unha cos compañeiros de traballo e a anterior tivéraa cos ex compañeiros de traballo, é decir, non con todos os que tiñan traballado con el, senón cos que traballaran na mesma empresa e se foron indo -e que, a súa vez, quitado que estean no paro, e fagan unha de parados, farán ceas dos respectivos novos traballos, co que as enchentas se multiplican exponencialmente. Eu, mesmo como pecador/comedor confeso, non lle acabo de ver a cousa á que todos aqueles que se están aturando o resto do ano se xunten voluntariamente para acabarse o tabaco uns ós outros, comerse a cabeza analizando as posibles razóns das ausencias (e posiblemente lamentando algunha das presencias) e termar da lingua para non soltar algunha da que arrepentirse o resto do ano. E todo para acabar indo para a casa dos primeiros, deixando o campo libre para os "mira ti que ese", ou aguantando ata que empeza a competición de cantos corais/lanzamento de tapóns de botella entre os da propia mesa ou coas do lado.

Home, que son días de paz e amor e tal que tumba, dirán algúns. Cómese e sobre todo bébese, e xa se sabe que iso une moito, quitado que acabe na comisaría, en urxencias ou nun karaoke, argumentarán outros. O que queiran, pero ou me poño a unha dieta de monxe tibetano, ou non vou ser quen de dar a talla na cea de Noiteboa.