Certamente, se lle habemos de facer caso a aquilo que contan os "papeis", están a narrar as emisoras de radio e espallan urbi et orbi as imaxes televisivas, o delito cometido por Mr. Bernard Madoff -e que anda a traer de cabeza a certa xente desde Zurich a Nova York ou, máis á man, desde Santander deica Santurce e Bilbao, "por toda la orilla", Vdes. xa me entenden- resulta tipificado legalmente como fraude: para sermos exactos, un fraude que apunta cara aos 50.000 millóns, dólar arriba, dólar abaixo, e "In God we trust", amén Xesús.

Iso explican e declaran os medios de comunicación e, desde logo, tamén todos os entendidos na materia -aínda que vaiche boa cos tales "entendidos"!, poucas veces se veu tal colección de paspallás reunidos e aturdidos. Xa saben os, sempre moi amables lectores destas crónicas semanais: que se fundador da NASD, que se impulsor do índice NASDQ, que se cintilieante broker de Wall Sreet, que se xestor dos "hedge founds"? -e déixenme Vdes. que escriba "broker", "hedge founds"? que para ocuparse de maricoeconomías varias non che hai outro idioma máis guay del Paraguay que o inglés-; en fin, que toma e retoma monetarismo e mais teoría neoclásica de prezos!; toma neoliberalismo!; toma George Stigles, Milton Friedman e a Escola de Chicago que os pariu! E porén?

E porén, este moi modesto cronista coida que non é tal. Ou mellor dito: se de veras cómpre xulgar e condenar ao tal Madoff, que tal non sexa apenas por mor de actividades delictivas que fagan referencia á economía global-globalizada e/ou á que vai todo o tempo en globo, que causen estragos nas pelas duns cantos bancos, grupos de inversión, fundacións pseudofilantrópicas e ricachos apodrecidos varios. Se por unha vez habemos de ser todos serios e honrados, se realmente queren que sigamos a crer que "ius a iustitia (?) ius est ars boni et aequi" e demais latíns ao caso? daquela, o que fai falta é que o "empapelen" por outra estafa aínda moito maior e cruel: que Bernard Madoff sexa pechado, xa que logo, na cela máis recóndita da máis afastada e húmida mazmorra polo delito probado de atentar, derramar, degallar? arruinar irreparablemente o prestixio da actividade máis importante e con máis anos de existencia na historia do mundo: esa mema actividade, a empresa formidable de dar creto, forma de esperanza ás ilusións e mais ás vaidades humanas. Traducido ao roman paladino: que o xulguen por devastar e derruír os alicerces da prestidixitación, as bases da maxia? en fin, as claves ocultas da piramidoloxía. Que o condenen talmente como un mago torpe e ruín ao que mesmo os nenos pequenos fosen capaces de descubrir onde está a gardar realmente as pombas, o coello branco que fai saír da chistera.

Vale: de acordo que os avisos estaban, e están, aí para quen queira ver e oír. Vale que non se trata da primeira ocasión e que todos temos que pasar polo pequeno trauma que significa descubrir un bo día quen veñen ser realmente os tres Reis Magos de Oriente. Nin que dicir ten, contabamos e contamos con Darwin, Marx, Einstein? mesmo con Freud ou Keynes; tiñamos e tamos a Joseph E. Stiglitz, Paul Krugmanm, Immanuel Wallerstein ou Giovanni Arrighi? todos eles a nos explicar dabondo que vimos da física e química, que existimos pola física e química e que, ao cabo, retornaremos á física e á química; todos eles a nos lembrar as falacias coas que nos queren rodear, o moi moito de político que hai na economía. Pero?

Pero que se pode resistir ao engado das pirámides? Mellor dito: quen non se sentiu tentado algunha vez por esoutra explicación -máis aló da xeometría, da arqueoloxía, da astronomía?máis aló da análise empírica- a nos falar dos supostos usos da tecnoloxía antigravitatoria? Quen non flipa cantidade coas presenzas de alieníxenas construtores, coas portas abertas da quinta dimensión, co esoterismo xentil de seres procedentes da Atlántida perdida, con esoutras infinitas potencialidades da numeroloxía? en fin, quen non soñaba/soña con entrar nese mundo perfecto, club exclusivo e apto tan só para listísimos privilexiados a percibiren un 20% de interese anual, ao que engadir aínda un 5% de comisión, sen que Facenda se enteire e/ou se dea xamais por enteirada? Velaí o segredo da gran pirámide!? Todo, absolutamente todo pura e dura mentira, hai que ver!, quen o diría co bonito que parecía?!

"Si, si, que o condenen! -aplauden gobernos e parlamentos occidentais- Que o condenen axiña, que logo? logo imos construír outra pirámide, outro timo da estampita máis bonito e mais guay!". De veras: cando daremos aprendida a lección?