ÚLTIMA HORA

Progresismos

 

Xosé Manuel Pereiro

Lamento non ter noutra nesta ocasión que ir a favor de corrente e non poder deixar claro unha vez máis que son un tipo rabudo e insatisfeito, facendo unha demostración de heterodoxia, pero se as políticas e os xestos que está a facer o Goberno é progresismo, que o demo me leve (non se me alegre, estimada sogra, que como moito, para a semana xa se me pasa). Non vou cair na demagoxia de mencionar o que pensaría Pablo Iglesias se levantara a cabeza, pero non debe dar crédito ó que está pasando nin Carlos Solchaga, aquel home pequeno que constituía un exemplo grande do que era a socialdemocracia tirando a neoliberal.
Primeiro foi aquilo dos 2.500 euros por neno. Claro, como aquí non estamos afeitos a políticas de apoio á familia (á familia con fillos, non como institución sagrada e intocable), os santiños estes pensan que estas cousas se amañan dando cartos e non facendo garderías públicas, pensei. Logo veu o dos 400 euros a todo quisque en época preelectoral, e xa empezou a cheirar a cousa. Porque por moito que pensen os que participan ou consumen discusións televisivas nas que proliferan argumentos como "¡Mi opinión vale tanto como la de los demás!", o avanzado non é tomar medidas iguais para todos, senón tendo en conta, como dixo un vello hai tempo, "a cada un segundo as súas necesidades, de cada un segundo as súas capacidades". A situación virou a completamente fedorenta co apoio dos eurodeputados do PSOE (quitado os do PSC) á directiva europea chamada do retorno, que en realidade, como todas as infamias que se sabe que o son, bautízanse contrariamente ó que significan: poder encerrar ano e medio a calquera inmigrante que non se mostre entusiasmado en retornar a de ónde escapou.
Agora resulta que o noso executivo progresista vai tomar medidas na crise inmobiliaria, comprándolle terreos ós grandes grupos caídos en desgracia económica. Seica coa encomiable intención de facer vivendas sociais. Os grupos eses chegaron a ser grandes, fundamentalmente, facéndose cunha chea de terreos baratos, e logo téndoos parados á espera de que o mercado e/ou as vías de comunicación públicas (a Transcantábrica, por exemplo), cando non as decisións urbanísticas á marbellí, ou mediante a figura do "axente urbanizador" (un inmobiliario con licencia legal para cumprir un obxectivo construtor polo método que lle pete) os convertesen en solares. Moito do que se construía era para segunda vivenda de xente que xa tiña unha primeira, ou para quen non sabía de sitio mellor e máis seguro onde meter os aforros, ou tiña diñeiro sobre que tanto lle tiña compralas unha a unha ou de dez en dez. Pero tamén había moita xente que necesitaba a casa para vivir nela, e que si se aventuraba a pagar a animalada que custaba era porque os cartos estaban baratos, e de aluguer pagabas o mesmo.
Pois é agora, cando se desincha o globo inmobiliario (tampouco de todo, e se non xa o verán) é cando o goberno se acorda de que fan falta vivendas sociais. Cando hai que acudir en axuda dos solartenientes, e facelo para crear máis campos de golf quedaría feo. Quizais a "progresismo" lle estea pasando como lle pasou a "liberal", que significa todo o contrario do que significou.

  HEMEROTECA
Caja Negra        O Bichero         Floreano
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya