ÚLTIMA HORA

Adeus a "La Vanguardia"

 

X. L. MÉNDEZ FERRÍN

Se eu fose profesor dunha escola ou facultade de xornalismo inculcaríalle aos alumnos a idea de que non se debe escribir nos periódicos sobre os periódicos. Tal especie de metaxornalismo só lles interesa aos profisionais, e penso que non demasiado. Todos temos un periódico e un periodismo moi definido na cabeza pro vémonos na obriga de escribir e de traballar nos periódicos que son propiedade de outros. Como todo periodista anda sempre á procura do xornal ideal, compra moitos periódicos e en cantas linguas como pode ler. Isto sábeno moi ben os donos dos quioscos de prensa. Con todo hai xornalistas cuxa curiosidade polo que escriben e publican os outros xornalistas exténdese aos xornais portugueses, franceses, ingleses, alemáns, segundo as posibilidades lingüísticas de cada un e abundan os xornalistas cuxa atención prioritaria é a prensa escrita de Madrid. Estes últimos son os xornalistas galegos que se sinten desterrados no Noroeste e que padecen unha sorte de saudade permanente da Corte. Nembargantes, existe un grupo, para min moi definido, de xornalistas galegos moi atentos a Cataluña e lectores habituais de La Vanguardia, como antes a miña xeración e a anterior o eran do inesquencíbel semanario Destino. Como tamén se dá a categoría de lectores non xornalistas de condición pro-catalá, pois as distribuidoras colocaban un lote de Vanguardias en todos os quioscos de Galicia que se vendían ao cen por cen. Segundo me di Raquel a de Sequeiros (o meu quiosco de Vigo), as distribuidoras deixaron de ofrecer La Vanguardia en toda Galicia e hai un grupo de clientes que se queixa. Queixárase xa diso José Manuel Ponte, pluma fina e lúcida que non soe queixar sen que poderosas razóns éticas o movan. Eu non son dos de La Vanguardia a diario, mais noto a súa falla só de saber que ela xa non estará nunca alí para eu ir a ela cando a necesite. É certo que hai internet, pero un xornal no ecrán da computadora non é o mesmo que un xornal en papel de periódico. La Vanguardia é o xornal que acolleu xeneroso Blanco Amor cando La Región, da súa amada Auria, lle diu coas portas nos fuciños, e tamén o medio que, lonxe das gadoupas de Fraga Iribarne, se abriu á campaña de Suso de Toro a propósito do Prestige e contra a barbarie do PP. Mesmo, o do Conde de Godó semella un xornal estranxeiro pesia a estar escrita integramente en castelán. Eu procuraba La Vanguardia cando ventaba un boicot totalitario de EFE, por exempo, secundado polos medios histéricos ou prepotentes de Madrid. Procurei La Vanguardia para me informar da verdade sobre o caso de Francoforte (feira do libro) e procureina para seguir o ascenso do independentismo escocés deica a victoria electoral. Deica pouco La Vanguardia informará moi ben do concontro internacional de embarcacións tradicionais de Brest, e suliñará sempre a presenza alí de Galicia como nación invitada especialmente, cousa que fará rabear a Corte e os exiliados da Corte que en Galicia ruminan os ácidos da galegofobia.
Os socios de Galicia Bilingüe, por exemplo, seguro que non notarán a ausencia de La Vanguardia nos quioscos pola razón de que ela, escrita en castelán, xamais combateu a recuperación do idioma catalán. Estou seguro de que alguén en algures tén moito interese en que La Vanguardia non circule en Galicia.

  HEMEROTECA
Caja Negra        O Bichero         Floreano
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya