A rotonda é o símbolo de en que se ten convertido Galicia. Tiñamos moi claro cómo facer as cousas tradicionalmente, pero non temos resolto de todo como afrontar os novos usos. Os cruces dos camiños era lugares de descanso e referencia, e neles construíronse cruceiros. Os sitios onde confluían as carreteras estaban chamados a progresar como asentamentos de poboación, e o primeiro que xurdían eran os bares. Pola contra, nas rotondas, ese invento para axilizar e distribuír o tráfico, está prohibido parar, e nelas medran cousas. Cousas varias porque as rotondas, igual que outro fenómeno recente e emerxente, os tanatorios, non atoparon aínda o seu estilo definitorio. O estilo tanatorio persegue que ninguén o confunda cunha casa, nin tampouco cun bar, nin cun edificio público, sexa centro de saúde ou central de correos, e de momento vai asentándose como unha mestura entre panteón neoclásico e chalé exipcio. O estilo da rotonda, dentro de redondez obrigada, é vario, pero tamén deriva a que no medio lle poñan algo, normalmente o que lle peta/presta ó alcalde. Así, dando voltas, chegamos á rotonda de Nirvana, Perillo, Oleiros, onde o goberno local instalou o Che Guevara que vén nas camisetas, pero en releve e de 8 metros de altura.

Polo mundo adiante, en rotondas teño visto de todo. Non podo recordar ningunha en Europa, quizais porque o costume europeo sexa poñerlle herba e punto. Recordo si, e con estremecemento, unha en Mozambique (en Pemba, diante do campo de fútbol), presidida por un monolito coroado por un busto de Eduardo Mondlane, fundador do Frelimo (a Frente de Libertaçao de Moçambique) metido nunha urna de cristal. Mondlane estaba de tamaño natural, vestido con uniforme e todo e coas gafas de sol postas, o que daba a impresión de que tiñan alí momificado, ou que era una desas bolas de souvenir que se lles dás a volta, neva. Outras entre o pavero e o estarrecedor eran as moitas que en Indonesia mostraban ós heroes da independencia enfrontandose ós colonialistas holandeses cun estilo como de pressing catch. As de Bagdad e Marbella vinas na televisión. E mesmo na Coruña recordo a miña estrañeza na Ronda de Outeiro ante o que parecía ser un monumento á torreta de Fenosa caída, e que se revelou como unha estructura metálica en forma de pavo en canto se encheu de vexetación (e nunha alegoría do monte deixado a monte como se descoiden na poda).

Volvendo ó que nos ocupa, eu non lle vexo problema ningún a que lle dediquen a rotonda ó Che, que considero que merece todos os recoñecementos do mundo. (Xa estou vendo á miña sogra, que sempre le o periódico antes que eu, asentindo). O dos cartos (180.000 euros) paréceme unha barbaridade, pero debe de ser a medida do capricho municipal, porque iso era exactamente o que custaba (15.000 euros ó mes) a vixilancia permanente da policía local ó macrobandeirón de España que Paco Vázquez ergueu no Orzán como homenaxe patriótico. Soamente dous "peros": 1. No que respecta á ética, en cousas como os monumentos/recoñecementos na vía pública debería haber certo consenso, e máis cando, en Oleiros, á revolución cubana non é que lle falten homenaxes. 2. No que respecta á estética, aventuro que o mesmo Che agradecería na rotonda, máis que a súa entronización como eterno Guerrillero Heroico, do tamaño dunha casa de baixo e dous pisos, un pequeno bosque e el deitado á sombra, a escala humana.