Chegan onde este modesto cronista varias cartas de lectores que, se ben que desde diferentes perspectivas, veñen coincidir nun apartado esencial: todas elas inciden en querer coñecer cal é a opinión do autor destas liñas semanais arredor da (suposta) "guerra das linguas" na que, polo visto, estamos inmersos, ao tempo que, máis en particular, desexan que mostre o meu parecer diante do "Manifiesto por la lengua común" que nos pasados días asinaron personalidades tan significativas mediaticamente como Mario Vargas Llosa, Albert Boadella ou Fernando Savater. En fin; non falta quen aluda aínda ao conflito que se está a vivir agora mesmo en Valencia por mor da orde da Consellería de Educación, consistente en que os profesores que impartan a materia de Educación para a Cidadanía en dita comunidade deben levar adiante a súa función en inglés cando, segundo a Lei Orgánica de Educación, pode desenvolverse nunha das dúas linguas cooficiais: xa en castelán, xa en valenciano (catalán de Valencia, vale dicir).

Desde logo, coido que nin falta fai que signifique o moi relativo valor dos xuízos que un servidor poida emitir. Igualmente debo sinalar que para nada atopo no medio afectivo, profesional... no que me desenvolvo sinal ningún de posibles liortas; antes ben, reina felizmente a concordia baseada na plena liberdade e respecto polos usos de cadaquén. Mais, evidentemente, non se trata de eludir as preguntas que chegan; imos con elas decontado.

Subliñan os redactores do "Manifiesto..." que son -somos- os cidadáns os que temos dereitos lingüísticos; non os territorios nin, moito menos, as linguas. E engaden que todos os españois teñen -temos- a prerrogativa, polo tanto, de recibir educación e a ser atentidos pola administración nas diferentes linguas co-oficiais. Pois ben; aínda é boa que fagan referencia aos tales idiomas, toda vez que moi ben podería acontecer nun futuro que, contando co feito de que o 10% dos habitantes de España son de orixe estranxeira, aqueles que teñen o árabe, romeno... como lingua materna insistisen no seu (suposto) dereito a que, dalgunha maneira, o Estado se relacionase con eles en ditos falares. Xa que logo, a primeira cuestión a establecer ten de ser por forza a seguinte: non só abonda con declarar a españolidade dos individuos; cómpre precisarmos en qué consiste dita españolidade -ou falta dela- no apartado lingüístico. Son, daquela, o galego, o catalán, o euskera.... -e, claro é, os falantes deses idiomas: xa sexa por vía materna ou por pura elección afectiva- españois a todos os efectos? Si ou non? Se a resposta é afirmativa, semella claro que han de gozar dos mesmos dereitos, e deberes, daqueloutros compatriotas que teñen como lingua materna -ou de afecto- o castelán. Se vivimos no mesmo país, se temos as mesmas obrigas, se pagamos os nosos impostos, se obedecemos as mesmas leis, se calquera discriminación -de sexo, idade, relixión...- é ilegal, se participamos do mesmo amparo democrático... por que as linguas nas que nos expresamos han de supoñer maiores/menores privilexios? Non será, ao cabo, deber das institucións -estatatis e/ou autonómicas- relacionarse connosco na forma lingüística -de entre as recoñecidas como españolas, claro é- que elixamos? Así as cousas, só cabe entender que o castelán, como lingua coñecida (repitamos: por ser lingua materna e/ou de elección) en todo o Estado, teña carácter oficial en todo o seu conxunto: algo que se complementa democraticamente coa oficialidade dos demais idiomas españois -e subliño o de "españois"- en determinados territorios. Só deste xeito, daquela, é que se pode atinxir a plena igualdade dos cidadáns que habitamos en España; todas as demais sumas conteñen, á forza, algún erro. En consecuencia: como defender ao tempo -como si que o fan os asinantes do "Manifiesto"- ese dereito e, non obstante, pecisar que "non todo o funcionariado" ten a obriga de coñecer as dúas linguas co-oficiais dunha comunidade determinada? Se tal fose, en qué viría parar o recoñecido dereito dun cidadán que se queira comunicar en galego coas intitucións pública? "Si quiere ser atendido en gallego, espérese hasta la próxima quincena; en ésta sólo estamos de servicio los funcionarios que hablamos en castellano". É algo así, entón? Son os funcionarios os que están ao servizo dos cidadáns ou son os cidadáns os que quedan ao arbitrio dun funcionariado ao que pagan cos seus impostos?

En fin; canto ao de Valencia... que queren que lles diga/escriba? Sabido é que un político é aquel que atopa problemas onde non os hai; que logo fai o peor diagnóstico posible dos mesmos e que, para rematar, decide a peor das solucións posibles para solucionalos. Traducido: con patriotas como D. Alejandro Font -conselleiro de Educación de Valencia- quen necesita inimigos? Xa postos, por que non obriga a dar as clases, máis que inglés, en spanglish? Postos a cachondearse...

"É Vde. partidario dunha Galicia bilingüe?", espétame un dos lectores na súa carta. Unha Galicia bilingüe, di Vde? Oxalá!