Fátima Pego é unha da voces que aos galegos e galegas máis nos gusta escoitar nas verbenas. Na actualidade é a voz feminina da orquestra Panorama. Esta noite participa no programa “Traes una cantiga?” como madriña dos grupos que actúan e formando parte do xurado. Cada semana na TVG soa o canto de taberna, un dos xéneros máis populares da música galega, en “Traes unha Cantiga?”, para elaborar unha listaxe dos temas con máis sona.

–Que reflexión fas sobre que TVG dedique un programa aos cantos de taberna?

–Penso que é marabilloso. Unha débeda saldada. Os cantos de taberna son unha parte fundamental da nosa cultura, da nosa tradición… e grazas a programas coma este, achégase esa tradición a públicos que, pode que doutro xeito, non chegasen a coñecelos.

–Te sorprendeu que te chamaran para exercer de madriña e xurado no programa?

–Pois o certo é que si. Pero fíxome moitísima ilusión: veño de familia de cantareiras, medrei coa música tradicional… e pode que sexa unha parte de min que non sempre se coñece polo que me fai especial ilusión.

–Como viviches a gravación?

–Pois foi ben bonita. Para empezar, a equipa tratoume coma unha raíña, vaia iso por diante. Logo, compartir coa miña querida Noelia Rey sempre é un pracer porque é unha rapaza incrible e, ademais, unha das mellores comunicadoras que temos no país. E para rematar, e non menos importante: o xurado. Que luxo compartir mesa con Sheila Patricia e con Alfredo Dourado; un dos mellores agasallos que puiden ter.

–Que representa a música tradicional galega na túa vida?

–Como vos dicía, medrei con ela. Son neta de Josefa de Bastavales: muller empodeirada, cantareira e pandeireteira. Que viaxou polo mundo adiante da man da súa vella pandeireta acompañando a músicos recoñecidos internacionalmente como Manu Chao ou Xurxo Souto. Iso marca, e moito. Medrei a carón da lareira, cantando ao son da súa pandeireta. Aínda que logo profesionalmente tirase por outros camiños, esa tradición vai no meu ADN.

A voz feminina da orquestra Panorama participa hoxe en ‘Traes unha cantiga?’ (TVG, 22.00 horas)

–Tes cantado nas tabernas?

–Ben seguro! Nas tabernas, nas foliadas, nas cacharelas, no patín do hórreo e onde fixera falta. Sempre me gustou cantar, e sempre estiven rodeada de cantareiras e cantareiros que, con calquera escusa, arrancabamos a cantar.

–Algún aspecto do programa sorprendeute especialmente?

–Gustoume especialmente ver a mestura xeracional: mozos e mozas gozando dos cantos de taberna con pais e nais, avós e avoas… penso que é algo ben fermoso que conseguiron no programa. Vencellar tradición e novas xeracións non sempre é doado.

–Que cres que a audiencia da TVG pode atopar neste programa que non atopará noutros?

–Un programa que os transportará a momentos fermosos da súa vida: momentos de xuntanza con amigos e familia, cantando cantos que todos e todas coñecemos. Ademais, en formato “karaoke”, para que ninguén teña escusa e poida cantar ben forte.

–Foi difícil a labor de facer de xurado.

–Moi difícil porque o nivel das agrupacións era altísimo. Trouxéronnos cantos de taberna moi coñecidos, moi diferentes entre eles, e tamén con enfoques que distaban moito uns doutros. Polo que o xurado suamos a gota gorda para poñernos de acordo. Xa vos digo que houbo tensión ante a decisión final, eh! Pero con Sheila e con Alfredo, foi unha gozada.

–Cunha importante traxectoria como cantante en diferentes orquestras galegas pensas que o fenómeno das verbenas pode ter conexión co mundo do canto de taberna?

–Por suposto. Moitas das agrupacións que hoxe en día vemos nas nosas verbenas, naceron nas tabernas: grupos de amigos que se xuntaban para botar unhas repichocas e que, pouco a pouco, se foron “profesionalizando” ata que acabaron dedicándose a iso. O que si me gustaría, que penso que se perdeu un chisco, é que volvesen ás verbenas máis cantos tradicionais. Lembro que antes tiñamos sempre un ou dous “popurris galegos” cos clásicos que todos e todas coñecemos. Pois, que esa tradición non se perda!

–Que pode aportar “Traes unha cantiga?” á música tradicional galega, e a música en xeral?

–Pode ser unha plataforma de visibilización importantísima, un vehículo para chegar a outros públicos, e tamén unha garantía de que a música tradicional galega soe en cada recuncho de Galicia, os mércores pola noite, agardemos que por moitos anos.