O minifundismo en Galicia forma parte dela mesma e esa social distribución do noso agro pode ser un motivo de satisfacción para nós e de agradecemento adicado ós nosos antergos que nolo legaron así, a diferencia do que acontece na maior parte do territorio das Españas e que hoxe non son Galicia. Por tanto, non debemos sorprendérmonos de que sigamos co noso minifundismo ancestral. Pero se ben é certo que na distribución do agro pode resultar positivo, anque o dubido. No nos parece que resulte intelixente, nin moito menos rentable, aplicalo, tan ao pé da letra, a outros sectores da vida do país como pode ser o das infraestructuras.

Forma parte importante da nosa historia intelectual minifundista o andarmos rifando entre nós sobre se o tren tiña que chegar a: Ourense, Monforte, A Coruña, Vigo, Compostela, A Guarda ou Santa Marta de Ortigueira.

Hai algún tempo, os alcaldes da Paradanta e algúns do Baixo Miño xustificaron o gasto dun xantar ó abeiro do que se xuntaron para planificar unha estratexia común dos seus municipios, cara a conquerir que o AVE, que aínda non está definido hoxe, en que século chegará a Galicia, parará en todos os seus concellos. É dicir: que con recuperar o antigo tren-correo, todo resolvido. Pero claro, aquel tren-correo, como paraba en todas as estacións e apeadeiros, tardaba vintecatro horas en chegar a Madrid, loxicamente.

Na actualidade, un día si e outro tamén escoitamos ós políticos nada preocupados polos problemas do país e si por amañárense un soldo para doce anos mais desde que perdan a montura, tirárense os "agravios" á cabeza. Os de Vigo e A Coruña, ós de Santiago, capital por vontade da maioría; entre eles mutuamente e viceversa, etcétera. Mentres, os demais (a grande maioría) a calar, os problemas sen resolver e en Madrid tronzándose de risa cos cartiños no caixón.

Así que nós, vendo o que hai, ademas dun aeroporto, xa; queremos o AVE Lisboa-Estaca de Bares, con parada no apeadeiro que toda a vida tivemos na saída da vella ponte internacional. Non imos permitir que se nos prive dese dereito mais ca histórico, ancestral; que algún inimigo, deses que conspiran contra de Tui, nos birlou. Pois segundo os últimos descobrimentos feitos por expertos na zona, xa Martiño de Dumio cando intrigaba entre Braga e Compostela para agrandar o territorio da súa diócese, parando na nosa cidade para algunha xestión de interese, era aí, nese apeadeiro, onde se apeaba ou tomaba o tren. ¡Ah, e con todos os adiantos técnicos, que esta é zona de moitos neboeiros e non vaiamos ter o AVE á porta da casa e haxa que ir tomalo a Porto como pasa cos avións!

E... que viva o minifundismo político-intelectual, anque todo siga igual!

M.ª del Carmen González Barbosa - Tui