Escríbeme un lector por me facer observante de que o Museo das Peregrinacións foi fundado polo concello compostelán nos días nos que era alcalde o profesor Otero Aenlle pro que hai un mundo de anos que a cámara municipal lle trasferiu a titularidade á "Dirección General del Patrimonio Artístico". De quen dependa agora tal museo non me di nada a persoa que me conmina a que eu rectifique, cousa que trato de facer, aínda que ela coida que é a Xunta de Galicia a autoridade en cuestión. O cal, se é así, non resulta suficiente para modificar o sentido do que eu percibo. Isto é: sendo Compostela unha cidade na que a Igrexa Católica e a Universidade son as institucións propietarias da maioranza do patrimonio histórico, artístico e documental, faise necesario reforzar e crear museos e centros de acumulación e herdanza e identidade de caracter nacional se temos en conta que a cidade é a vetusta capital da nova Galicia autonómica. Nesta liña o Museo das Peregrinacións debe ser favorecido.

Se é así como se pensa en termos políticos, non teño nada que obxectar, declárome partícipe de tales principios e mesmo agradecería que a Xunta e o Concello de Compostela fundasen esa biblioteca pública que moitos achamos a menos na capital de Galicia, poño por caso. Pro non parece normal que un obxecto museábel atopado en Vigo e de procedencia non sei se bizantina ou tardorromana, sen nada que ver portanto co camiño xacobeo, en lugar de ser exhibido nas salas de arqueoloxía local do Museo de Castrelos, fundadas nos tempos de Ángel Ilarri e inspiradas polo lembrado e multilateral X.M. Álvarez Blázquez, vaia ser depositado nun Museo das Peregrinacións compostelano concebido para dar testemuña dun universo histórico diverso.

Estou a falar dun pomo vítreo, ao que chaman "ungüentario", que foi descoberto no corazón dos ricos xacementos de Santiago de Vigo en recentísimas excavacións e que a opinión pública da cidade desexa ver no lugar que lle é propio. Se quen pusúe autoridade para determinar o destino do obxecto porfiar en situalo no Museo das Peregrinacións compostelano estaría a facer un mal.

O discurso da prehistoria e da historia de Vigo foi sendo construído, arqueolóxica e nacionalmente, desde o século XIX ao citado Álvarez Blázquez (X.M.), con rigor en xeral óptimo (descontando a fanfarria patrioteira suscitada polo asunto "Reconquista"). Unha vaga de novos achados que se produciu a raíz da frebe constructora na zona litoral da vella freguesía de Santiago de Vigo foi perfeccionar ese coñecemento e completar a idea da cidade nos distintos estratos do pasado. Os vestixios prehistóricos e da romanidade seguíronse coleccionando acertadamente no Museo de Castrelos. Superada aquela desidia e ignorancia dos vigueses que permitira un día que o tímpano da igrexa que fora a de Martín Códax (tan simpático) ou o Salvador do Areal (tan impoñente) marchasen fóra da cidade e mesmo fóra de Galicia.

Neste contexto é no que eu situaría un "pío latrocinio" que consistise en separar o "ungüentario" do seu contexto museístico e ilo situar noutro ao cal non pertence de xeito ningún.