Os nervios de estrear peli en casa

A ópera prima da directora viguesa Sonia Méndez, “As Neves”, chegou onte ás salas de cinema cun pase especial en Vialia no que estivo presente parte do reparto do filme

De esquerda a dereita, David, Andrea, Irene, Antía, Diego e a directora de "As Neves", Sonia Méndez.

De esquerda a dereita, David, Andrea, Irene, Antía, Diego e a directora de "As Neves", Sonia Méndez. / José Lores

Carolina Sertal

Carolina Sertal

Arroupados pola familia e amizades, que minutos antes agardaban pacientemente no exterior da sala a que o rótulo mudase o “esperen” por “pasen”, Antía Mariño, Diego Caro, Irene Rodríguez, David Rodríguez e Andrea Varela chegaban aos cinemas de Vialia acompañados da directora do filme que protagonizan. Saúdos, presentacións, bicos e apertas sucedéronse como previa á unha proxección que a parte do reparto de As Neves lle provocaba unha mestura de nervios, ilusión e emoción, pois “xogaban en casa” e tiñan moitas ganas de que os seus puidesen ver o traballo dos últimos meses na gran pantalla.

Natural de Vigo e actriz novel, Antía Mariño confesaba minutos antes da estrea oficial do filme, no que conta cun papel protagonista baixo a batuta da cineasta Sonia Méndez, estar “moi emocionada e nerviosa pola estrea na cidade. Estaba toda a miña familia aí fóra e non paraban de chamar por min”. Moi identificado con ela tamén se sentía o seu compañeiro de reparto, Diego Caro, quen sendo natural do Porriño explicaba que “tiña moitas ganas de que se estreara a película aquí, porque están fóra todos os meus amigos, a miña familia e son os cines que frecuento habitualmente, polo que estou moi emocionado e ilusionado”. A carón deles, logo da exitosa preestrea na Coruña, David Rodríguez comentaba que as expectativas sobre a chegada da película ao circuíto de salas de cinema son boas, “pois de momento, as preestreas funcionaron moi ben e á xente está gustándolle moito, así que a partir de hoxe esperamos que a xente se anime a ir ao cine para vela”.

O reparto do filme e a cineasta viguesa, onte, na estrea de "As Neves" en Vialia.

O reparto do filme e a cineasta viguesa, onte, na estrea de "As Neves" en Vialia. / José Lores

Antía Mariño e Diego Caro non eran os únicos que na xornada de onte se atopaban emocionados pola presentación de As Neves en terreo amigo, pois a propia directora tamén afirmaba estar moi feliz da chegada do filme ás salas viguesas. Namentres a súa nai e a súa avoa agardaban sentadas xa nas butacas o inicio da proxección, Sonia Méndez indicaba que “a miña familia sabe que levo moito tempo pelexando por estar nunha sala cunha peli e é moi emocionante que, agora, a miña familia vexa por fin en Vigo esta peli na gran pantalla. Estou moi contenta”.

É moi emocionante que, agora, a miña familia vexa por fin en Vigo esta peli na gran pantalla

Xunto a parte do seu equipo diante das cámaras, a cineasta viguesa relataba que traballar cun reparto novel “foi unha experiencia que achegou moita enerxía e tamén un reto. Ter un reparto novel, sostendo o filme tal e como o fan, foi un traballo moi potente e no que tamén había moita responsabilidade pola súa parte, e penso que están extraordinarios. Eu aprendín moito deles e creo que saíu ben o tirabuzón de traballar con rapaces novos, de facer unha película xeracional que tivese relato en galego e transcorrese en Galicia”.

E é que, agás David Rodríguez, que xa tivera alguna toma de contacto co mundo audiovisual, nin Antía Mariño, Andrea Varela, Irene Rodríguez ou Diego Caro tiñan ningún tipo de experiencia vencellada ás producións cinematográficas, malia que si inquedanzas. É o caso de Diego Caro e Irene Rodríguez, quen sinalaron que “interésame moitísimo o cinema, xa antes ía a clases de interpretación, e agora estou estudando Comunicación Audiovisual e centrándome na rama do cine”, no caso de Diego, namentres que Irene, natural de Pontevedra, apuntou que “antes da película eu ía a clases de teatro, precisamente porque me gustaba moito este mundo”. Logo de probar o mel de traballar nunha longametraxe, as tres actrices e os dous actores teñen aínda máis claro que é ao que lles gustaría dedicarse profesionalmente.

Filme necesario para todos

Á hora de analizar a temática de As Neves, logo de que as primeiras críticas a sitúen como unha película de visionado “obrigado” entre a mocidade, Andrea Varela destacou que “non só é obrigada, estamos ante un filme bonito e non só para institutos, penso que non só debera encadrarse para a rapazada, senón que tamén está dirixida aos adultos”. Neste senso, o porriñés Diego Caro fixo referencia a que, “no coloquio posterior ao pase na Coruña, unha persoa do público comentou precisamente que era importante que estivera nos institutos e preguntounos como animar aos rapaces para que foran ao cine a vela. Penso que é unha peli moi chula e moi necesaria para os adolescentes”.

Tal e como analizaban ambos actores, Sonia Méndez fixo fincapé en que As Neves non só é unha longametraxe para público mozo: “É para rapaces, pero tamén para adultos, para todos. Penso que é moi positivo que os pais e as nais vaian ao cinema para ver a peli cos seus fillos e fillas porque creo que lles vai axudar a entendelos mellor, a ter debate con eles, e precisamente creo que ese é o punto da película. Oxalá moita rapazada vaia ao cine, sería incrible, sería algo xeracional se acontecera iso, porque é unha peli feita para eles, na súa lingua, mais tamén para o público adulto e agardo que a xente se anime a enchar as salas, porque temos moitas en toda Galicia, e hoxe é o día para comezar”, concluíu a cineasta viguesa.

Suscríbete para seguir leyendo