Rodeado de músicos, alumnos e familiares Antón Corral presentou onte en Vigo a obra que reúne os momentos da súa vida, dende Lugo ata Vigo, co seu obradoiro de instrumentos musicais. Titulado Alborada dun Soño, participaron no acto o seu alumno Carlos Núñez, que prologou o libro, a autora da mesma, a escritora e filóloga Fina Fernández, Pablo Quintana, da Editorial Canela, Esperanza Blanco, nora do homenaxeado e Roberto Giráldez, presidente da banda Xarabal, formación que actuou na apertura e no peche do acto. Precisamente esta tarde Xarabal e a Banda de Valladares actuarán no Teatro A Fundación, nun concerto de entrada libre.

Antón Corral lembrou a súa chegada a Vigo e agradeceu as mostras de afecto a todos os que colaboraron na obra. Corral e Núñez protagonizaron o momento sorpresa da noite, ao tocar o Organistrum, un instrumento de Corral feito a partir do Pórtico da Gloria. Proxectaron unha foto de Antón Corral e Carlos Núñez (de pequeno) ensaiando co Organistrum e repetiron ese momento tres décadas despois.

"Por unha parte está o artista, que foi quen (sendo autodidacta) de recoller o testemuño de artesáns anteriores como Basilio Carril, Faustino Santalices ou Paulino Pérez e construír uns instrumentos que supoñen a máxima expresión dun son que marcou tendencia na gaita galega nos últimos 30 anos. E por outra parte está o mestre, portador do don e da xenerosidade de facer escola", describe o artista galego Carlos Núñez no prólogo da obra.