Pilar Mera / A coruña

Aínda que Cedeira é unha vila de mar, os veciños tamén son xente de monte. Un paseo polas parroquias deste municipio, rodeadas de masas forestais, e doutros colindantes como Ortigueira,

Moeche, Cariño ou Cerdido, deixa ver o respeto e coidado do monte que hai na zona. Esta especie de cultura forestal, que vén de lonxe e está influida por múltiples factores, explica por que esta fermosa rexión de Galicia leva uns anos sen sufrir graves temporadas de incendios.

No norte da provincia da Coruña chove máise a néboa é habitual. Por iso os lumes nesta zona adoitan declararse cara ao final do verán, ou mesmo no outono, e non teñen o mal xenio dos que estes días sufriron moitos concellos, por exemplo, de Pontevedra. E por iso os prados e montes de Cedeira, Ortigueira ou Valdoviño resplandecen estes días cun verde que resulta especialmente insólito despois dunha semana de negrume.

Pero o privilexio de asistir de lonxe á catástrofe que está vivindo Galicia, e ademais desde un marco natural como o das Rías Altas, non se debe só á súa peculiaridade climatolóxica. Os montes desta paraxe poden presumir de ser uns dos máis coidados de Galicia. "Os veciños preocúpanse por limpar e mellorar os seus terreos, os montes desta zona teñen cortalumes moitas e moi boas vías de acceso", di José Luis, axente forestal deste distrito. "Noutras zonas está tan abandonado que non hai por donde meter unha motobomba", engade.

A implicación da sociedade na conservación dos montes -algo que non se limita só aos terreos particulares: a serra da Capelada está considerada polos expertos como o mellor monte comunal da comunidade- ten unha explicación económica.

Un inmenso eucalital

"Aquí, o 90% da poboación ten montes, aínda que sexa un cachiño", explica José Luis. E neses terreos, máis ca en ningún outro lugar de Galicia, hai plantados eucalitos. Esta especie estranxeira que chupa o sangue da terra medra moi rápido aquí, tanto que aos 12 anos xa está lista para cortar. Por iso, entre outras cousas, aos veciños intéresalles coidar as súas propiedades.

Noutros lugares de Galicia, máis ao sur, o polémico eucalito non é tan rendible como aquí, polo que aos propietarios "non lles motiva tanto o coidado do monte" se só lle van tirar beneficios a longo prazo, di o catedrático deSocioloxía e experto en lumes Antón Álvarez Sousa.

Ao abandono dos montes, que está detrás de boa parte dos lumes declarados no sur de Galicia, tamén axuda o éxodo dos seus propietarios aos núcleos úrbanos e cidades, unha cruz na moeda do desenvolvemento.

Neste recuncho da comunidade a especulación inmobiliaria e a construcción descontrolada aínda comeza agora a facer das súas, polo que a ordenación do territorio, sobre todo nas zonas rurais, mantén en boa maneira a clásica e útil -sobre todo á hora de previr lumes- estrutura que separa as vivendas e as leiras agrícolas das grandes masas forestais.

Por todo isto, Sousa insiste en que o de Cedeira e darredores "non é un modelo extrapolable a outras zonas". "E tampouco se trata de presumir, porque non estamos libres de nada", en palabras de José Luis.

E é que este recuncho de verde pode volverse cinza en calquera momento, como xa ocurriu naquel fatídico verán de 1980.

José Luis setencia cunha verdade que sabe moi mal: "Se isto non arde, antes de nada, é porque non lle prenden". E remata: "Toco madeira". Que ironía.