Pilar Mera / a coruña

O transporte urbano aínda está lonxe de ser unha alternativa consolidada á conxestión de tráfico nas cidades galegas. Das trece comunidades nas que hai datos sobre o uso deste servizo, Galicia é a cuarta con menos vaixeiros en proporción á súa poboación, só por diante de Murcia, Extremadura e Castela a Mancha.

Oito vilas galegas contan con buses que percorren cada día o núcleo urbano do municipio: A Coruña, Ferrol, Santiago, Vigo, Vilagarcía, Lugo, Monforte e Ourense. O ano pasado, estes autobuses tiveron en total máis de 65 millóns de usuarios, o que supón 23 veces a poboación da comunidade. É dicir, que por cada galego fanse 23,5 viaxes de bus urbano ao ano, unha cifra que en Aragón, que lidera o ranking, sobe até as 100 viaxes anuais por habitante. Segundo os datos do Instituto Nacional de Estadística (INE), Madrid e Cataluña son a segunda e a terceira comunidade nas que máis se emprega o transporte urbano, con 85 e 47 viaxeiros por habitante en 2007 cada unha. Pola contra, en Castela a Mancha o

coeficiente baixa até 8,8. Galicia sitúase ademais bastante lonxe do balance estatal, que é de 41 viaxes anuais por habitante.

Os 65.180.000 usuarios que tivo o transporte urbano en Galicia o ano pasado deixan unha media de 178.000 viaxeiros cada día e supoñen un leve descenso respecto dos datos de 2006, cando o INE contou 65.284.000. Nos últimos once anos gañáronse case 700.000 viaxeiros, un 10% máis ca en 1996. Unha tendencia común a toda España -o total do Estado subiu dos 1.745 millóns de usuarios en 1996 aos 1.855 de 2007- pero que, con todo, tivo altibaixos en Galicia. O máis pronunciado foi en 2005, cando a suba foi de cinco millóns de viaxeiros, algo debido, segundo apuntan desde o sector, á implantanción en cidades como Vigo do transbordo gratuíto entre diferentes liñas nun periodo de 45 minutos. Canto ao que levamos de 2008, o INE só publicou de momento os datos de xaneiro e febreiro, nos que houbo 10,33 millóns de viaxeiros, fronte aos 10,05 de 2007.

A Coruña e Vigo concentran dous tercios das viaxes

Das oito vilas que teñen servizo público de transporte urbano de viaxeiros en Galicia,

só A Coruña e Vigo concentran o 64% dos usuarios. A que máis viaxeiros ten é Vigo, con 22,54 millóns en 2006 -case 62.000 pasaxeiros cada día-, seguida da Coruña, con 21,47 millóns -uns 59.000 usuarios diarios- o ano pasado.

A Compañía de Tranvías, concesionaria do servizo na Coruña, presume de ser unha das pioneiras na implantación do trasbordo gratuíto entre liñas sempre que se faga cunha diferenza de 45 minutos, un sistema que implantou a principios dos 90 e que hoxe supón aproximadamente o 4% de todos os billetes. Noutras cidades o transbordo é máis recente e, no caso de Vigo, representa o 6% das viaxes totais.

Vigo é, ademais, a cidade na que máis subiron de forma notable o número de viaxieros. A empresa encargada do servizo, Vitrasa -que aínda non fixo públicos os datos de 2007- subiu dos 21,6 millóns de usuarios de 2005 aos 22,5 de 2006, é dicir, un 4,1% máis. Santiago foi a outra vila que conseguiu aumentar o seu balance, nun 1,91%, até os 7,7 millóns do ano pasado.

No resto de vilas con transporte urbano as estatísticas baixaron nos últimos anos, aínda que na Coruña a caída foi moi leve, de 26.000 viaxes entre 2006 e 2005. En Vilagarcía e en Lugo, sen embargo, o descenso foi do 4,6% e do 3,7% respectivamente,

algo que os responsables do servizo achacan ás numerosas obras que hai nas dúas localidades e que dificultan o tráfico -algo que tamén explica a caída do uso do transporte urbano en Ferrol- e, no caso de Lugo, tamén á caída no número de universitarios na cidade, un dos grupos de usuarios máis importante. Canto aos prezos, o billete máis caro é o de Ferrol, onde subirse ao urbano custa 1,20 euros, cantidade que baixa até 0,72 euros se se paga coa tarxeta do bonobús, unha fórmula que empregan todas as concensionarias do transporte urbano en Galicia, agás a de Vilagarcía. En case todas as cidades hai descontos para estudantes e pensionistas, e para estes últimos o billete é

totalmente gratuíto en Santiago e Vigo. Lugo e A Coruña fan ademais descontos para desempregados e persoas con discapacidade, que na cidade herculina pagan 0,25 euros por cada viaxe.

A maior parte destes descontos están subvencionados, en moitas ocasións até o 100% do custe, polos concellos correspondentes. A Xunta non subvenciona o transporte urbano, malia que esa é unha das demandas das asociacións nas que se agrupan as empresas concesionarias.