A baixura galega afronta un ano decisivo no marco da reforma da Política Pesqueira Común (PPC), na que unha das claves é a definición de flota artesanal, que determinará a xestión futura da actividade. Ao mesmo tempo, o presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, Benito González, apunta á escaseza de cotas de captura dalgunhas especies como limitadora da xeración de emprego do sector.

–A campaña da xarda rematou esta semana para as artes menores tras poucos días de faena. Que balance fai da costeira?

–Foi rentable, pero moi curta. Son moi poucos días de traballo.

–Unha das queixas do sector é a escasa cota que hai...

–Si, agora a xarda estábase a pescar nas costas galegas, porque veu antes que outros anos, e Galicia non conta cun cupo específico para ela a pesares de que debería tela. Vemos como o recurso pasa por diante do noso nariz e temos que deixalo pasar. Sentímonos discriminados. É ilóxico ter que tirar ao mar tanto pescado. O Estado ten que facer valer a súa soberanía en Bruxelas porque temos todo para traballar pero non nos deixan.

–Que posibilidades de captura de xarda debería ter España?

–Dicir unha cifra é difícil pero se os noruegos teñen 300.000 toneladas nós deberiamos dispor do dobre ou o triple da cota que temos, sobre as 100.000 toneladas.

–A flota di que o recurso está ben e que se tira moito peixe ao mar. Pódese cuantificar canto se devolve despois de capturado?

–É imposible sabelo. Hai que diferenciar entre pesca obxectiva e accidental, e Bruxelas ten que entendelo. Deberíase poder traer para terra a xarda que se está a tirar ao mar.

–Agora está en marcha a campaña da anchoa, que se intensificará en abril, con máis posibilidades de pesca que a anterior. Como espera que sexa a costeira?

–Hai un TAC (Total Admisible de Capturas) suficiente, bastante grande, que igual nin se gasta todo. Estivemos cinco anos coa pesca pechada e de repende contamos cunha cota grande, co cal cremos que a cuantificación das posibilidades de captura non se fai ben. Estamos a traballar na Identificación Xeográfica Protexiga (IGP) da anchoa para defender os cinco anos que estivemos descolgados e nos que perdemos mercado. Antes viña anchoa de fóra pero nese tempo ocuparon o noso espacio. De ano a ano creo que o imos ir recuperando.

–Como diría que está a afectar a crise ao sector pesqueiro?

–Noutros sectores non hai emprego e na pesca é todo o contrario, estamos pedindo que nos deixen traballar. Contribuimos a colocar a moita xente e podiamos contribuir moito máis. Póñense cartos noutros sectores nos que aguantar o emprego costa moito máis mentres a pesca é un sector desaproveitado. En Europa só lle interesa a cinco países, polo que hai que facer valer o que temos. Ao resto de países déixanlles pescar o que queren e aquí esquécense de que sacar un posto de traballo no mar é eliminar dous ou tres máis en terra.

–E ás confrarías, afectoulles dalgunha maneira a crise? Con menos subvencións?

–Non son alleas a esa situación. O combustible tamén fai dano ao sector, e os pósitos resíntense. Son organizacións que se están a adaptar aos tempos e hai que acertar na xestión dos recursos, as vendas...

–O carburante, como afecta ás diferentes flotas?

–Perxudica máis ao arrastre pero tamén aos buques do cerco, que se moven moito e ás veces veñen baleiros a terra. O problema é que non podemos repercutir os custos nos prezos do peixe. Sobre o das axudas, as confrarías recíbenas para vixilancia ou asistencias técnicas, moi controladas pola Administración. Permiten darlle alento aos pósitos. Está a haber algúns retrasos nos cobros pero agardamos que se manteñan.

–Que reivindicacións son clave para as confrarías na reforma da PPC que rexirá dende 2013?

–Discrepamos na definición de flota artesanal. Din que é a de menos de 12 metros, non sabemos se para restar fondos ou para que. Agardamos que se respete á pesca artesanal, a máis numerosa de Galicia e que cumpre co que Bruxelas defende de pesca sostible. Artesanal non se pode limitar aos 12 metros, débense seguir outros criterios.

–A fin dos despezamentos subvencionados tamén crea conflicto. A baixura accedeu a eles por primeira vez en 2011. Semella inxusto que se retiren xa.

–Si, ainda que na nosa flota os despezamentos non son o que máis interesa. Preocúpanos máis a eliminación das paralizacións temporais, que permiten facer plans plurianuais e son unha boa ferramenta para a correcta xestión dos recursos. Se desaparecen vaise en contra da política sostible que defende Damanaki. Eliminar buques non interesa, xa despezamos abondo, sobre todo nos grandes. Estamos a meternos moito nas nosas augas e perdendo a flota que faena na plataforma, por fóra, en caladoiros cos que se descarga a presión sobre as rías.