Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Mª Carmen Caramés Gorgal: "Os versos expresan contidos de maneira máis íntima, amosando sentimentos"

"É urxente crear conciencia social sobre a violencia de xénero"

Mª Carmen Caramés Gorgal.

Mª Carmen Caramés Gorgal, gañadora do XXI Premio de Poesía Avelina Valladares, é natural de Santa Comba pero reside en Santiago, onde imparte clase. Estudou Filosofía e Ciencias da Educación pola rama da Psicoloxía.

-Como recibiu a noticia do galardón?

-Sorprendeume moito e tomeima con moita felicidade. Non a esperaba para nada.

-Por que participou no certame?

-Un dos motivos polos que participo en concursos é porque é unha das maneiras que temos a xente descoñecida de publicar algunhas das nosas creacións e de darnos a coñecer. Enviei este mesmo traballo a outros concursos nos que non tiven sorte. Hai moita calidade nos certames literarios.

-Cando comezou a súa paixón pola escritura?

-A paixón pola escritura comezou desde que teño uso de razón e memoria. Sempre me gustou escribir pero nunca me dediquei nin me dedico profesionalmente a isto. Non me considero unha escritora ou poeta, simplemente escribo cando me apetece.

-En que estilo se manexa mellor?

-Encántame a poesía, tanto para ler coma para escribir. Considero que me permite expresarme mellor. Tamén é certo que me gusta contar cousas a través de novelas. É outro tipo de expresión. Os versos expresan os contidos dunha maneira máis íntima,amosando os sentimentos, mentres que a narrativa conta a historia.

-Que trata o traballo premiado?

-Este poemario escribino desde unha perspectiva feminina das persoas que xa temos unha certa idade e que podemos posicionarnos no que pode ser a metade da nosa vida. É ver un pouco o que a sociedade e a educación fixo en nós. É extrañar, valorar e ao mesmo tempo rexeitar algunhas cousas. O título "As idades perdidas" reflexa un pouco o que é o camiño da vida. É un traballo moi recente, de feito eu sigo traballando nel aínda para alongalo un pouco máis.

-Que temática lle gusta tratar?

-Entre os temas que máis me gusta tratar ou reflexar están os relacionados coa violencia de xénero, a desigualdade entre ambos sexos ou as inxustizas sociais deste tipo. Esta é a maneira que teño de para dar a coñecer estos abusos. Actualmente existe un reflexo destes problemas no mundo literario, que está tratado polas escritoras galegas máis xóvenes que alzan a voz para rebelarse contra isto. Tamén hai algún home participando nesta loita, pero a voz téñena as mulleres. É urxente e necesario crear unha conciencia social sobre este tema.

-Que obxectivos se plantexa?

-O meu obxectivo máis próximo é a publicación dunha novela que sairá pronto. Despois manteño a idea de seguir escribindo para presentarme a certames e intentar gañar algún premio para que me publiquen.

Compartir el artículo

stats