Miguel Loureiro, agora lateral dereito granate de 19 anos, será economista nun tempo, ao rematar a carreira. Di que sempre se sentiu atraído por esta rama das ciencias sociais. Moitas contas tivo que botar na súa tenra infancia, cando estivo obrigado durante anos a mirar o fútbol a través dun cristal pola enfermidade de Köhler, unha afección que ataca ao escafoide do nocello producindo unha dor insorportable. Esta tempada é unha apostas fixas de Luisito, de quen sinte toda a confianza.

- Non moitos contaban con vostede nas súas quinielas hai uns meses e agora ninguén se xogaría moitos cartos a que non vai a ser titular no próximo partido importante ¿Cómo viviu esta evolución?

- Bueno, creo que desde fóra vese un pouco distinto. Eu sabía que Luis confiaba en min e levo traballando desde o ano pasado para ser titular esta tempada e contar con máis minutos no equipo. Eu traballo día a día para conseguir a confianza do míster e creo que agora xa a teño.

- Para estar onde está tivo que deixar fóra a Adrián, titular o ano pasado e un dos capitáns do equipo ¿Cómo é a súa relación con él?

- Con Adrián teño unha boa relación. É unha persoa estupenda e un compañeiro moi bo, non temos ningún problema. É normal que haxa competitividade polo posto. O ano pasado estaba xogando el, este ano de momento estame tocando a min, pero quen di que mañá non vai a ser el o titular. Malia ser el unha persoa veterana e con experiencia o míster está confiando en min e el está agardando a súa oportunidade. Está traballando moi ben nos adestramentos. Creo que tanto el coma min estámosllo a poñer moi complicado a Luis para tomar unha decisión

- O xogo do Pontevedra exise bastante aos laterais. Participan a miudo no xogo ofensivo e, ao tempo, o público non lles perdoa despistes en defensa ¿Custa adaptarse a isto?

- Si, nestas xornadas, cando xogamos con tres defensas, incluso estamos participando como carrileiros, tanto eu como Bonilla, e si que iso che esixe tanto en ataque como en defensa. Pero bueno, non era algo descoñecido para min e gústame ter percorrido. É certo iso de que a xente non perdoa erros en defensa, pero ao final os defensas estamos, antes que nada, para defender e eu tamén vexo normal que sexa así. Primeiro defender e despois as cousas que poidamos aportar en ataque, mellor

- Vímoslles certos tramos de irregularidade en xogo e resultados ¿rematou isto co partido do Izarra

- Creo que si. O equipo vai mellorando día a día. Na casa fixemos tres moi bos partidos. Fóra dela, no primeiro partido, en Guijuelo, competimos moi ben, pero si que quizáis despois nos custou. Tamén foi causado, en parte, pola entidade dos rivais aos que nos enfrentamos, contra o Racing de Santander e contra un Celta B que está facendo un inicio de tempada espectacular. Pouco a pouco o equipo vaise encontrando mellor e estamos atopando o noso estilo de xogo e asentándonos na categoría. Hai que pensar tamén que este ano houbo moitas fichaxes novas e a xente estase empezando a acoplar. O equipo empeza a arrancar.

- Era o máis novo do Bergantiños cando comezou a despuntar en Preferente e agora é dos máis pequenos no Pontevedra ¿hai que "facerse o maior" para que a un o respeten nun vestiario?

- Como dis non é una situación nova para min porque si, no Bergantiños pasoume exactamente igual. Cando era xuvenil de segundo ano xogaba co primeiro equipo en Preferente. Se cadra no Bergantiños, ao principio, estaba un pouco máis desubicado porque non sabes moi ben como relacionarte e estás moi tímido, a pesar de que era moi bo vestiario. Pero aquí no Pontevedra atopeime moi cómodo desde o primeiro momento e non tiven problema.