campo do fragoso

Tempada de ouro

09.05.2016 | 03:54

Unha das maiores grandezas do celtismo é a sobriedade para gozar das vitorias e a serenidade para asumir os resultados adversos. Actitudes forxadas partido a partido, tempada a tempada, xeración tras xeración, na vella catedral do Fragoso apoiando aos celestes na súa angueira sempre difícil, sufrindo e gozando da súa afouteza e dun xogo que, dende hai dúas décadas, aquí gusta traballado e combinado. Así foi esta tempada de ouro, a mellor da última década, onde os celtistas gozamos dun xogo de alta escola do cadro de Berizzo, mais tamén sufrimos os desacougos inevitables, froito das carencias e limitacións dun cadro, que a pesar da clasificación privilexiada continúa sendo moi humilde e conta (canteira incluída) cun número moi axustado de efectivos. Así foi tamén o partido da tarde de onte co Málaga, onde houbo instantes de cor, cando escintilou o xogo dos nosos e estoupou a ledicia da bancada, mais tampouco faltaron outros moitos minutos grises de chumbo, coma o ceo que deitou devagariño a poalla que foi enchoupando aos xogadores.

A pesar da inxusta derrota de San Mamés, Berizzo demostrou que non se rende na súa batalla polo quinto posto. Dispuxo ao triángulo chileno (Chelo, Tucu e Orellana) para soster e lanzar ao equipo, que tardou case un cuarto de hora en contar coa súa primeira gran oportunidade, tras un pase de Wass sobre un xenerosísimo Tucu Hernández que case na área pequena preferiu ceder sobre Aspas, o que evitou in extremis un defensor andaluz. O Celta teceu e teceu paciente, sen perder a confianza na posibilidade de crear superioridades, a pesar de que o Málaga incomodou aos chilenos con continuas faltas e brusquidades. Con todo, grazas a balóns longos, o Celta foi abrindo o seu xogo de ataque polas bandas, sobre todo pola de Nolito, moi comprometido durante os noventa minutos. O internacional gaditano trazou un tiraliñas interior antolóxico ao que non chegou Orellana, anunciando a marabilla que minutos despois sería a xogada do único gol do partido.

Unha xogada protagonizada pola NAO celeste, ese tridente marabilla formado por Nolito, Aspas e Orellana, á altura dos mellores goles da tempada. Iniciada por Nolito na banda esquerda cun desprazamento sobre Aspas na frontal, o xenio de Moaña cedeulla ao poeta chileno que agardou para centrar dende a banda dereita a chegada a área pequena de Nolito para que este, unha vez superado o gardarredes, tivese que empurrar a porta baleira. Un gol tremendo, unha acción redonda, comezada e finalizada por Nolito, fermoso na concepción e rotundo na execución. Uns segundos onde escintilaron as faíscas de xenialidade destes tres xogadores capaces de compartir as súas accións en instantes decisivos.

Co marcador adverso, o Málaga adiantou as súas liñas. Rubén chapou cunha pombiña elegante un magnífico saque directo de Recio que entraba pola porta. Xaora, Nolito puido liquidar o partido nunha das súas xogadas preferidas, o tiro con parábola ao pao longo, mais quedoulle curto e Ochoa atrapoullo. Tras o descanso, o poeta Orellana puido marcar nun lanzamento de falta que lambeu o pao esquerdo. Con todo, foi unha oportunidade aínda máis clara a de Aspas, que tras un servizo magnífico de Nolito, correu a banda esquerda e entrando na área debuxou unha vaselina sobre o pao dereito que o porteiro andaluz conseguiu desviar cos dedos. Outra xogada memorable.

Durante os vinte minutos finais, coincidindo coa entrada no terreo de Juanpi, o Málaga desenvolveu o seu mellor xogo. Sufriron os de Berizzo. Camacho encarou en dúas ocasións con claridade a Rubén, mais o noso xove gardarredes soubo aguantalo. Só faltando cinco minutos, cando máis apretaban os de Javi Gracia, a bancada desentendeuse das incidencias do xogo e comezou a cantar coa emoción dos grandes momentos a Rianxeira e a celebrar a extraordinaria clasificación europea. Unha tempada de auténtico ouro, onde compartimos o celtismo da humildade e da afouteza, o do xogo de salón e o do fair play, o que sofre e o que goza coas súas cores. Estamos de volta.

stylename="070_TXT_dep_dcl_03">bretemas@gmail.com

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Buscador de deportes

Enlaces recomendados: Premios Cine