campo do fragoso

Fair play

16.02.2016 | 02:41
Fair play

O sucedido no Camp Nou na noite do pasado domingo amosa a precariedade actual do concepto de "fair play", ou "xogo limpo", no fútbol profesional, espectáculo de masas e peza clave das programacións audiovisuais e das empresas de apostas. Ninguén vai quitar mérito ningún a actuación de Lionel Messi, capaz de noquear soíño a un Celta afouto até a temeridade. Ninguén vai cuestionar o seu lanzamento maxistral de falta que inaugurou a táboa de marcas, entrando polo buratiño da escuadra. Como ninguén vai desmerecer a orixinalidade do lanzamento do "penalti indirecto", unha modalidade inspirada na que popularizaron en 1982 Cruyff e Olsen no Ajax, da que, dende 1957, existía o precedente do inventado polos belgas Rik Coppens e André Piters, nun enfrontamento da súa selección contra a de Islandia. Ninguén discute que Messi é un orfebre excepcional do fútbol do século XXI, á altura de figuras como Di Stéfano, Pelé, Cruyff ou Maradona, un artista da filigrana, capaz de resolver unha xogada nuns poucos centímetros. Mais iso non exime a Messi, nin os seus compañeiros de tridente barcelonista, de cumprir as normas do xogo nin manter un comportamento respectuoso co arbitro e leal cos seus contrincantes, claves do xogo limpo que pretendemos inculcar nas novas xeracións.

Nese contexto é onde debemos entender a polémica desenvolvida nas redes sociais tras a avultada derrota do cadro de Eduardo Berizzo. Un partido do Barça que quedará para a historia, a pesar de que os gañadores non sempre respectaron as regras nin a lealtade do espírito do "fair play", onde dende hai máis de século e medio reside o ADN do fútbol, sexa como disciplina deportiva, sexa como unha das máis importantes industrias do lecer contemporáneo con presenza en todo o planeta. Un partido no que Messi abriu a táboa de marcas cun lanzamento marabilloso, no que, como demostran as fotografías, enganou ao árbitro adiantando o punto da falta sete ou oito metros. Unha trampa, que moitos xustificaran como arteira, das tantas que se fan ao longo dos noventa minutos, mais que violenta as regras que todos, dende Messi até os picariños da liga de benxamíns, deben respectar. Eis a inocencia e grandeza desta disciplina deportiva.

Outrosí sucedeu co lanzamento do penalti ao xeito de Coppens e Piters, concibido para incrementar a táboa goleira de Suárez, na súa batalla polo balón de ouro con Cristiano Ronaldo. Un lanzamento ilegal, xa que o dianteiro charrúa invadiu a media lúa da área, antes de que tocase o astro arxentino, transgredindo así a regra que obriga a todos os xogadores a situarse no momento do lanzamento "canto menos a 9,15 metros do punto de penal". En definitiva, un lanzamento que o árbitro debeu mandar repetir. E non entramos a debater a lexitimidade moral de utilizar este tipo xogada, decisión que corresponde só aos seus protagonistas, aínda que poidamos sospeitar que non a repetirán fronte outros adversarios ou noutras competicións.

Por ventura, nesta triste polémica para o celtismo, vítima de tantas derrotas (deportivas e morais), emerxeu o espírito do "fair play" do seu adestrador e dun dos seus xogadores, Gustavo Cabral, que nas súas declaracións aceptaron a derrota con dignidade, sen cuestionar o comportamento dos gañadores. Unha valiosa lección de temperanza e de xogo limpo que reclamamos.

Xaora, nunha sociedade onde os valores e o respecto das normas son derrotados decote por comportamentos corruptos, é esencial a recuperación do rigor no respecto ás 14 regras de 1863 (logo 17) coas que naceu en Inglaterra o Football Association e coas que se xogaron en Vigo algúns dos primeiros partidos na península. Como sucedeu en Balaídos o xoves da eliminación copeira, a grandeza do fútbol é ser expresión teatral da vida, unha ilusión efémera coa que milleiros de persoas se sinten vivas, á espreita, coa ledicia e a decepción xogando en idéntico terreo. Iso tamén explica a nosa conmoción polo sucedido o domingo no Camp Nou.

stylename="070_TXT_dep_dcl_03">bretemas@gmail.com

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Buscador de deportes

Enlaces recomendados: Premios Cine