"Eu de vez en cando teño soños dentro de cadros de Laxeiro. Soños reais porque os soños son tan reais como a vixilia. Aparecen figuras de Laxeiro, sobre todo nos máis desagradables, nos meus peores pesadelos. O cal non quere dicir que eu odie a Laxeiro senón que el me suministra material para a miña imaxinación en forma de soño: cando o subconsciente se desata e aparece o mellor e o peor de nós, sempre encriptado, oculto como di Freud, iso é Laxeiro", confesou esta mañá Xosé Luis Méndez Ferrín na presentación do Premio Laxeiro 2018.

O escritor, "figura literaria e política das que fundamentan a Galicia contemporánea", como afirmou o director de Xerais, Manuel Bragado, recibirá o galardón este sábado nunha comida de confraternidade que se vén celebrando para recordar ao pintor polo seu aniversario. Bragado encargouse da glosa e valorou que este recoñecemento é "estrictamente xusto" pola "erudición inacabable" de Ferrín. Ademais, sinalou a importancia de traducir a obra do galego a outros idiomas e pediu un esfrozo ás institucións culturais para seguir proxectando os seus textos.

O alcalde de Vigo e presidente do Padroado da Fundación Laxeiro, Abel Caballero, resaltou a "inigualable capacidade creativa" do premiado e revelouse como lector habitual dos seus artigos no FARO. "Dos seus artigos en prensa leo e aprendo, como o facemos todos", dixo. Caballero tamén reiterou o respaldo do Concello á Fundación Laxeiro e asegurou que o pintor é "unha figura inmortal que todavía se pasea polas rúas de Vigo".

Méndez Ferrín leva máis de sesenta anos dedicados á creación literaria como poeta, ensaísta e novelista e case os mesmos anos como articulista en prensa. Na presentación do premio manifestou que está traballando en novas obras, mais non quixo desvelar nada aínda.