A holandesa Ria Lemere, profesora titular de literatura portuguesa e brasileira da Universidade de Poitiers en Francia, vén de participar no simposio internacional "E irei madr a vigo" da Universidade de Vigo. Na súa conferencia, tirou abaixo varios mitos sobre a obra e vida de Martín Códax.

-Cal foi o seu primeiro encontro coas Cantigas de Martín Códax?

-Foi no primeiro curso de Literatura Medieval portuguesa porque as Cantigas de Martín Códax forman parte do que se chama os clásicos da literatura portuguesa. Foi no 1971, no que Roman Jackobson escribiu na revista Grial un artigo sobre unha das Cantigas de Vigo.

- Non entendo, estududounas como clásicos portugueses?

-Mire, o que aconteceu foi que xurdiu un problema. No século XIX, os expertos inventaron o termo galego-portugués. Sabían que eses autores eran galegos polo que terían que reescribi-lo primeiro capítulo da historia da literatura portuguesa, entón, opotaron por inventa-lo concepto de galego-portugués.

-Centrándonos en Códax, hai autores que defenden que as setes composicións son unha historia lineal con principio e fin; outros sosteñen que son independentes.

-Estas cantigas teñen elementos narrativos e poden contar pequenas historias, dependendo do imaxinario, da fantasía: que fai a protagonista cando ven o namorado, como vai falar coa nai para ir velo a Vigo, como fala coas amigas para ir todas xuntas, como chora ó ver que el non vén, o que fai cando el chega, báñanse no mar, bailan no adro... Con eses elementos, podes construir cen historias diferentes.

- Por que durante tanto tempo pensaron os expertos que só había unha lectura única?

-Cando o pergamiño é descuberto no 1914, os eruditos da época, todos homes, intentan descifrar cal é a historia. Nos inicios do século XX, tiñan a idea, que xa non é máis a nosa, de que na Idade Media había grandes escritores que escribían esas obras de arte, polo que teriamos que considerar as sete cantigas como unha unidade compositoria. Tiñan a necesidade de demostrar que Martín Códax era un grande escritor que fixera unha grande obra.

- Resulta extrano non saber nada do autor, do apelido...

-Si e se fora un gran escritor nós saberiamos quen foi, de onde viña... Non hai ningunha proba da existencia dun artista ou escritor que se chame Martín Códax.

- A súa teoría defende que as cantigas foron obra dunha muller?

-O discurso da historia da literatura, dende o punto de vista científico, é triste para as mulleres. O mito sobre as cantigas de amigo nace no século XIX, é o mito que fala dos grandes escritores do Medievo, que eran acollidos na corte do rei. A xente ten que desaparender a historia da escola trovadoresca, dos grandes poetas que vivían na corte... iso é o imaxinario do século XIX e XX. Hoxe en día, sabemos cousas que os eruditos de principios do século XX non sabían. Sabemos, por exemplo, que no Medievo non se escribía no sentido moderno da palabra, de sentarse, coller o papel, pensar e empezar a inventa-lo poema... Non, na Idade Media, non era así porque o pergamiño, o papel, era moi caro. O que facían os copistas era transcribir o que se falaba, ou cantaba. Entón, as sete cantigas foron traídas para ser copiadas por un copista do rei Alfonso X. Gran parte das cen cantigas de amigo dialogadas que conservamos son cantigas dos santuarios desta rexión. No simposio internacional, o profesor da Universidade de Santiago António Souto Cabo mostrou tódolos santuarios para os que xograres fixeron composicións.

- Vostede discrepa de que Códax tivera orixe e formación nobre. Defende que non foi trovador.

-Sabemos que Martín Códax non foi o escritor. A hipótese máis simple é que foi un xograr que viña de Vigo ou arredores. El sabía que querendo ser itinerante era fundamental levar ás outras rexións cantigas de homes e mulleres da súa terra. Así foi como os xograres chegaron ás cortes e castelos da nobreza e dos reis.

- Por que non hai referencia a xograres mulleres?

-Sabemos polos concilios, que durante séculos a Igrexa Católica perseguía as voces das mulleres e os xograres que cantaban con voz afeminada as composicións de mulleres por se eran obscenas ou pagáns. Na Galicia, aínda hai tradición de mulleres cantando. Na historia, fíxome un esforzo moi grande de autoglorificación do ser masculino e silenciamento do feminino.Ocorre o mesmo coa voz feminina das cantigas, con certeza mutiladas, dentro do contexto relixioso, despois por copistas en Italia e hoxe en día na exposición do pergamiño en Vigo (no Museo do Mar). A ciencia tamén contribuiu para o silenciamento da muller.