ULTIMA HORA
ABaC, de Jordi Cruz, y Aponiente, de Ángel León, nuevos tres estrellas Michelin

Rodrigo Romaní: "Saín dunha España terrible en 1974 e amanecín en Londres"

"Foi unha experiencia que me marcou para toda a vida, saber que existían a luz, a cor, a enerxía, nunha palabra: a liberdade"

29.08.2017 | 04:55
Rodrigo Romaní, tocando a guitarra durante o concerto de 1975 .

Rodrigo Romaní é un célebre músico galego, e un dos fundadores do grupo 'Milladoiro', do que formou parte durante 22 anos. Ademais de participar en outros proxectos, xa publicou tres discos en solitario. Trátase dun multiinstrumentista capaz de excercer como vocalista e dominar a harpa, toca a guitarra, o buzuki, (instrumento similar ao anterior pero cun mástil máis longo e forma de pera); e a ocarina, entre outros instrumentos.

O noiés escolle 1974 coma seu verán favorito. Tiña 17 anos. "Naquela época a xente buscaba ser feliz coma podía, cos amigos e a familia. A nivel global, España era un sitio escuro en blanco e negro, illado do mundo. Os ritmos da vida e a moralidade os marcaba a Igrexa, e a legalidade o fascismo. Así que calqueira xoven caía na amoralidade e o ilegal, e buscábamonos a vida para aproveitar as vacacións escolares viaxando a Europa, na procura dun traballo que achegara algúns cartos, e poder permitirnos estar lonxe da casa", recorda Romaní.

"Con amigos ou sós, marchábamos sen contrato. Eu tiven a oportunidade de ir a Londres ese agosto. Fixera algunha clase particular de inglés, pero sobre todo aprendín alí porque non tiña máis remedio. Saín da España terrible e amanecín en Londres. A xente falaba libremente, os policías nas manifestacións ían ao teu lado, en lugar de enfronte, para paralas", compara o músico.

Incluso, segundo recorda Romaní, había unha esquina, chamada Speakers Corner, onde a xente subía ao estrado e falaba. Contaban discursos variados, e os demais escoitábanos, e aplaudían ou abucheaban.

"En Londres vivía unha tía miña e eu durmía na súa casa. Foi unha experiencia que marcoume para toda a vida, en todo o que veu a continuación, ver que existía a luz, a cor, a enerxía, nunha palabra: a liberdade", recalca o músico galego.

"Eran traballos de media xornada coas tardes libres, para imbuírte da vida urbana de Londres. Non había problemas de inmigración, chegabas e dábanche un traballo, non era para nada difícil e iso que non existía a UE. Eu estiven limpando oficinas un mes. Coñecín xente que cunha guitarra pasaban o verán polo continente adiante", rememora.

"Foi a viaxe necesaria para decatarse de qué ía a vida. Non se trataba tanto de ver unha cidade concreta, senón do que agochábase tras as fronteiras españolas. Aquí durante aquel ano executaron un par de presos políticos, e aínda que o vivías coma algo cotidiano, a moral era terrible. Todo o facías a escondidas. Éramos conscientes de que o futuro non podía ser ese, e había que saír fóra", declara Romaní. Naquela época fixo amizade con latinoamericanos, ingleses, españois? Cos ingleses non tanto, pois non lle deu tempo a integrarse.

E engade: "Veías o futuro se teu país cambiaba. Ao volver tiñas moitos máis folgos para intentar facer cousas, buscar e crear na cultura. Seguro que saía adiante todo o que fixeras, porque a xente precisábao".

A censura do réxime

"Estabamos moi lonxe da revolución dixital e non te comunicabas cos outros países agás por carta.Os mellores libros, os discos que máis nos gustaban estaban prohibidos. Todo o que non fose a literatura de sempre, os clásicos universais, estaba baixo sospeita. Logo, cando remata o réxime, chega a explosión de creatividade de tanta xente que estaba a piques de reventar", afirma o multiinstrumentista, e continúa: "Os que nos adicamos á cultura vivimos una explosión luminosa nun país sumerxido que comezaba a florecer".

Ao ano seguinte Romaní comeza a estudar en Santiago e alí se celebra un festival que reúne a 5.000 estudantes na Plaza do Obradoiro. Actuaron todos os grupos de oposición ao réxime, ata que o cortou a policía. Segundo recorda o músico, "foi un concerto cheo de emotividade, sen figuras, uns acompañando aos outros, e nós eramos os máis xóvenes. A partir de alí todo cambiou. No panorama apareceron autores protesta e explotou todo, agroma a reivindicación e aparecen vinculacións entre a vangarda e o tradicional, dando como froito un movemento musical. Ao mesmo tempo desenrólanse a literatura, as artes gráficas, audiovisuais? todo o abano cultural comeza a abrirse, e a producción pasa de ser anecdótica a sistemática", relata.

Desencadeuse o proceso de creación que describiu Antón Seoane, seu compañeiro durante décadas, en "De Voces Ceibes a Milladoiro". Nesta obra aparece rexistrado "ese aumento tolo de creatividade, todo o mundo facendo varios poxectos á vez, porque xa eran posibles cousas tan simples coma programar a lista de pezas dun concerto, sen ter que pasalas pola censura. No 75, a creatividade ten valor en sí, tratábase de crear cousas, a calidade estaba nun segundo plano", resume o músico, que tamén recorda seus primeiros veráns.

"Eu pasei os veráns da mocidade en Noia, onde nacín. Meu pai era traballador de banca e cada 2 ou 3 anos marchaba a un sitio diferente, así que miña infancia veu determinada polo cambio constante de residencia. O verán supuña o retorno á casa de Noia. Eran estacións felices, cheas de tranquilidade".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine