26 de mayo de 2017
26.05.2017

Sinsal ofrece experiencia anecoica en Vigo e participar nun filme en San Simón

O prazo para sumarse á película, "A estación violeta", acaba mañá sábado

26.05.2017 | 02:25

Sinsal Son Estrella Galicia ofrece un novo espectáculo na cámara anecoica da Escola de Enxeñería de Telecomunicacións da Universidade de Vigo. Esta mañá, ás 11.00 e 12.00 horas, este cuarto sen eco nin reverberacións acollerá unha proposta diferente coa danza e electrónica da man do coreógrafo Javier Martín e do artista multimedia Juanma Lodo.

Javier Martín sinala, segundo recolleu Sinsal nunha nota, que se ofrecerá un exercicio de composición en vivo, no que creación e investigación se darán a man. Trátase dun traballo que dará á luz o vindeiro ano baixo o nome de "método negro". Nel, o silencio entrará en contacto co corpo en movemento.

Pola súa parte, o artista multimedia Juanma Lodo será o "interventor" sonoro nesta sesión anecoica. A cámara semianecoica é un espazo deseñado e recuberto para absorber as ondas sonoras e electromagnéticas, de maneira que non hai eco nin reverberacións. A actuación en directo nela require de coidado e adaptación; un reto para os músicos.

Esta actividade intégrase no programa de Sinsal en colaboración coa Universidade de Vigo e o centro de investigación AtlanTIC. A entrada é gratuíta. O aforo é moi limitado e as persoas interesadas en asistir deben escribir a info@sinsalaudio.org.

Por outra parte, Sinsal lembra que o día 27 péchase o prazo para participar na rodaxe dunha secuencia da película "A estación violeta" que terá lugar en San Simón, Redondela.

O equipo do filme trasladarase á devandita illa o día 31 de maio. A secuencia estará ambientada durante o festival na illa. As persoas elixidas (120) sairán no barco de Redondela o 31 de maio para retornar á noite tras disfrutar de concertos "secretos". O convite pode conseguirse en meetup.com.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine