24 de febrero de 2017
24.02.2017
DÍA DA MATRIARCA DAS NOSAS LETRAS

Rosalía de Castro é de todos

Os galegos identifícanse coa escritora aínda que faga hoxe 180 anos do seu nacemento, representantes da cultura lembran historias persoais vencelladas a esta icona universal

24.02.2017 | 12:15
Rosalía de Castro é de todos

O 24 de febreiro de 1837 nacía a nosa escritora universal en Santiago de Compostela nunha casa do Camiño Novo (agora chamado Rosalía de Castro). Hoxe van 180 anos de que Rosalía chegou ao mundo e toda Galicia leva xa días lendo, escoitando e acudindo a actos de homenaxe a unha muller que retratou o seu tempo dende un punto de vista crítico e reivindicativo. Unha muller cunha personalidade desbordante que escribiu dun xeito tan avanzado para a época que moitos dos seus textos non se comprenderon ata anos despois do seu falecemento aos 48 anos en Padrón.

Cada un de nós ten a súa propia historia con Rosalía de Castro, por iso, porque ela é universal. É moderna, contemporánea. Unha icona de todos os galegos. Neste día formidábel, algúns dos representantes da cultura achegan as súas propias anécdotas vencelladas á escritora e poeta.

XOSÉ LUIS MÉNDEZ FERRÍN, escritor: "Expresa o seu sentimento de clase nese caldiño"

O escritor vigués celebra que a Fundación Rosalía de Castro vaia prepar o Caldo de Gloria que decribe a poeta de Padrón no poema Miña casiña, meu lar. "O caldo tradicional estase perdendo, agora faise sopa. O caldo de unto, patacas e feixóns é do que fala Rosalía", di Ferrín, quen salienta que neses versos está o "espírito" dela, a súa solidariedade cos pobres en xeral, "o seu sentimento de clase que se expresa nese caldiño e nesa choza".

Ferrín recorda que quedouse sempre coa protagonista da novela "El caballero de las botas azules" e chamáralle a atención porque sempre levaba no medio da frente un rizo, aparentemente por descuido. "Anos máis tarde dinme de conta de que Rosalía aparece na maioría dos seus retratos tamén con ese rizo e, polo tanto, pensaba nela cando escribiu a ese personaxe".

MARÍA XOSÉ QUEIZÁN, escritora: "O poder sexual é o tema máis importante"

Queizán ten unha moi boa nova neste 180 aniversario de Rosalía. "Vai saír un libro meu sobre Rosalía en Xerais, é unha recopilación de todo o que escribín sobre ela nestes vinte anos", avanza a viguesa. O libro, O poder sexual na obra de Rosalía de Castro, contará con ensaios, poesías, contos e relatos que foi publicando nestes anos, todo explicado nun prólogo inédito onde Queizán explica a que se refire cando fala do "poder sexual".

"Nos textos trato temas como o suicidio na poesía, e nas novelas, de Rosalía. Dende o meu punto de vista, o poder sexual é o tema máis importante na súa obra porque ela comprendeu moi ben como o poder sexual dos homes sobre as mulleres é clave nas súas relacións", afirma a escritora.

ANXO ANGUEIRA, presidente da Fundación Rosalía de Castro: "Lin 'Follas Novas' con verdadeira paixón"

De neno, Angueira estudou no colexio Rosalía de Castro de Padrón. E pasaba pola estatua da escritora no Espolón (que este ano cumpre cen anos) a diario. "Cada vez que paso lembro cando lía os versos inscritos na pedra", di.

Tivo que ir ata Bilbao para encontrarse con Rosalía de Castro. "Con dezaseis anos fun visitar aos meus irmáns emigrados no País Vasco e na habitación onde durmía había unha edición de Follas Novas, lino con verdadeira paixón. Alí, fóra da Galiza, acórdome perfectamente daquel verán no que a descubrín no mundo da emigración", conta.

MARILAR ALEIXANDRE, escritora: "Rosalía e Pardo Bazán, as únicas que estudei"

"Comezos dos anos 60, meu compañeiro Ramón Facal era un neno duns dez anos que vivía en Santiago. Xogando na Alameda achéganse un par de forasteiros preguntándolle pola estatua de Rosalía. El lévaos a ela e entón comezan a ler uns versos gravados alí, Airiños, airiños aires...e pídenlle que o faga el, se sabe galego. Ramón le os versos, que xa coñecía, e os forasteiros cóntanlle que son do País Vasco e que están moi emocionados, pola importancia de Rosalía na lingua galega, e de ver que un neno a coñece. Acaban dándolle uns caramelos", relata Aleixandre.

Para a escritora, que non leu un libro de Rosalía ata que se mudou a Vigo, foi fundamental achegarse a súa obra. Antes, no colexio, estudara a Rosalía e a Emilia Pardo Bazán: "As únicas mulleres escritoras que aparecían no libro de texto".

MANUEL BRAGADO, director de Edicións Xerais de Galicia: "Unha obra sobre Rosalía foi prohibida por Franco"

"Insistimos na idea de que é moderna e de que cada quen pode facela súa e é certo porque na cerimonia na que nomearon Doctor Honoris Causa a Manuel Lourenzo na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia suscitouse un ruxe ruxe no público cando contei que unha obra súa, Terra en lume. Poemas de Rosalía de Castro, fora prohibida pola censura no ano 1979", sinala Bragado. Unha obra sobre Rosalía, censurada polo Goberno de Franco. "Quizáis por iso Galiza, no periodo democrático convertiuna nunha figura que reivindicar", apunta o editor vigués.

MARÍA REIMÓNDEZ, escritora: "Reconcilieime co afecto que lle tiñan meus avós"

Como a moitos da súa xeración, a Reimóndez transmitíronlle na escola que Rosalía era una muller triste, por iso, cando os seus avós chamábana "pequena Rosalía" a ela non lle gustaba. "Tiña aquela imaxe distorsionada e non quería que me relacionasen con ela. É incríble que en dúas xeracións a percepción dela fose tan diferente, educáronnos mutilando a súa obra", asegura. "Avanzamos moito na súa comprensión cos estudos das feministas nos anos 80 e co tempo eu reconcilieime co afecto que lle tiñan os meus avós", engade.

MARÍA LADO, escritora: "Gústame imaxinala paseando por Muxía"

Lado reconciliouse con Rosalía ao facer un libro sobre ela na serie Mulleres bravas da nosa historia, de Urco Editora. "Unha anécdota da súa adolescencia fíxome ver o seu lado máis humano", explica.

Con dezaseis anos, Rosalía era amiga de Eduarda Pondal, a irmá do poeta, e foi convidada a súa casa pola Romaría da Barca de Muxía. As dúas colleron tifus na festa, Eduarda faleceu aos poucos días e Rosalía recuperouse. "Como son de Cee, gústame imaxinala paseando por Muxía de nova", asegura a escritora.

LEDICIA COSTAS, escritora: "Os nenos queren que a leve a charlar con eles"

Nun dos coles que Costas está a visitar falando de Escarlatina e Esmeraldina os nenos pensaban que podía resucitar aos mortos. "Dixéronme que por que non lles levaba alí a Rosalía e así charlaban un rato con ela. Son tan riquiños", destaca a viguesa, que foi a encargada de elaborar o manifesto da Asociación de Escritoras en Lingua Galega polo Día de Rosalía. "Quixen trasladar a emoción que a min me produce a súa lectura", apunta.

MIRIAM FERRADÁNS, escritora: "O meu primeiro premio como adulta foi o Rosalía"

"Miña nai chámase Rosalía e tamen a miña bisavoa, unha muller decidida e valente, con ideais moi marcados. Cando era pequena tiña un amigo que sempre lle dicía á xente que el coñecía a Rosalía de Castro e cando na escola lían algún poema dela el dicía que a coñecía e que tiña dúas casas: unha aquí e outra en Padrón. Curiosamente o primeiro premio que gañei de adulta foi o Rosalía de Castro, de Cornellá e aquel rapaz, agora adulto, dixome 'claro, sendo Rosalía a túa nai, calquera!", conta Ferradáns.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine