O capítulo de "Ribeiras de salitre" que se emite hoxe ás 15.30 horas na Televisión de Galicia é ben mariñeiro e ten coma protagonista á vila de Vilaxoán, cunha Confraría á que están asociados cento cincuenta mariñeiros, que traballan o marisqueo a flote, a pé e artes como a nasa, a rapeta ou o boliche.

Mariscadora é Lourdes Corvo, que nacendo lonxe do mar xa acadou a sabedoría mariñeira. Vinteún anos traballandono mar, é a presidenta da agrupación de mariscadoras. Compartirá a súa visión moi interesante sobre o papel do marisqueo dentro da cultura mariñeira e esta como parte da cultura galega.

A serie dirixida por Xosé Henrique Rivadulla Corcón e producida por Celta tamén contará con Teo Cardalda, mecánico naval xa retirado, que dedícase a estudar a historia deste mar. Os seus estudos lévano a ser un dos maiores espertos no período de finais do século XVIII e principios do XIX, no que a principal industria na Ría de Arousa era a salgadura, con certa visión critica polas condicións de traballo, e porque a riqueza creada estaba só en mans dos empresarios cataláns, que foron os creadores desta industria.

Este porto ten moita afección á canción mariñeira, e na serie vai cantar todo Vilaxoán. Será unha representación da reunión musical que se fai todos os anos nas festas do Carme, co nome "Vilaxoán Canta", que consiste en que todos os veciños e veciñas que o desexan reúnense para cantar cancións populares e despois disfrutar dunha sardiñada popular.