A perda de Agustín Fernández Paz provocou un gran impacto no mundo das letras. As mostras de agarimo e aprecio cara ao autor non tardaron en aparecer tras a noticia do seu falecemento e, tanto as institucións como particulares, non dubidaron en dedicar unhas palabras a un home que deixou unha profunda pegada na cultura galega.

O persoal docente expresou o seu profundo pesar a través dun comunicado da Xunta de Persoal Docente de Pontevedra, provincia na que Fernández Paz exercía o seu labor de profesor. Destacaron, do mesmo xeito que a Xunta de Galicia, o seu "compromiso". "Agustín Fernández Paz deixa unha obra de importancia extraordinaria", indicaron os docentes. O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou a contribución do escritor á literatura xuvenil e infantil non só de Galicia, senón do conxunto de España. Ademais, reiterou o seu importante labor no traballo educativo das aulas galegas, ás que se dedicou en corpo e alma durante as últimas décadas.

Mariano Rajoy tamén se uniu ao aluvión de mensaxes que lembran a brillante traxectoria do escritor galego. No seu caso, enxalzou a "mestría" coa que Fernández Paz achegaba o mundo da literatura aos máis novos.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, tamén enviou un "forte abrazo" á familia dun escritor que sempre será unha "figura fundamental" nas Letras Galegas. A directiva da Asociación Galega de Editores tamén agradeceu o seu labor á hora de "enriquecer a experiencia lectora de tantas xeracións de galegos" dunha forma "ampla e brillante".