Literatura inédita

Valle-Inclán, reporteiro inédito de guerra

A USC edita un caderno do escritor galego de cen anos de antigüedade sobre as frontes da I Guerra Mundial en Francia

21.06.2016 | 17:57

Valle-Inclán segue a ser unha caixa de sorpresas. A última da que se deu conta leva o nome de "Con el alba. El Cuaderno de Francia (1916)". Este manuscrito inédito pode ser xa lido polos lectores nunha edición especial, con estudo incluído, trala súa conservación durante un século pola familia Valle-Inclán Alsina. O volume -que nace dun pequeno caderno de notas que levaba o escritor- recolle as súas observacións e impresións cando visitou varias frontes da I Guerra Mundial, en abril de 1916 en Francia. Neste país, pasou dous meses e nese tempo escribiu para si mesmo sobre os efectos da guerra.


O caderno, convertido en libro, convertiuse dende onte -cando se presentou en Santiago de Compostela- no volume 11 da Biblioteca da Cátedra Valle-Inclán da Universidade de Santiago de Compostela. Esta institución, desde novembro de 2009, custodia materiais autógrafos orixinais e documentos descoñecidos, segundo informa a propia entidade académica.


O volume presentouse no Colexio de San Xerome nun acto que presidiu o reitor Juan Viaño e no participaron a profesora da USC e directora da Biblioteca, Margarita Santos Zas; o director do Servizo de Publicacións da USC que editou a obra, Juan Blanco, e o neto de Valle-Inclán, Javier del Valle-Inclán Alsina. Curiosamente, "Con el alba. El Cuaderno de Francia" conmemora o centenario da súa escritura (1916-2016) e o 150 aniversario do nacemento de Ramón del Valle-Inclán.

A directora da Cátedra e da Biblioteca destaca o carácter testemuñal do caderno, "a mellor guía para a reconstrución daquel viaxe tanto na súa dimensión biográfica como histórica", ademais de ser un documento "fascinante" como mostrario dos mecanismos de escritura do seu autor. Non en van este pequeno caderno está na orixe do proceso de escritura de "La Media Noche. Visión estelar de un momento de guerra" (1917).

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine