O Consello da Cultura Galega reedita 62 anos despois "Advento", unha das primeiras obras do poeta galego Manuel María, homenaxeado este ano polo Día das Letras Galegas, e considerada unha peza "capital" da poesía galega contemporánea,na que se xuntan vangarda, reivindicación da identidade e dose do existencialismo presente na denominada Escola da Tebra.

Con esas verbas presentou "Advento" o editor de toda a obra de Manuel María e tamén poeta Miguel Anxo Fernán-Vello, que compareceu co presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e a que foi compañeira do poeta chairego de Outeiro de Rei (Lugo), Saleta Goi e presidenta da Fundación do autor. Esta obra foi editada en 1954 polo Centro Galego de Bos Aires, con ilustracións de Luis Seoane, dun texto escrito en 1951 e que gañou o Premio Castelao de Poesía en 1952. "Advento" foi unha das primeiras obras que o deu a coñecer como poeta, porque marca un diálogo coa cultura galega que se mantiña vizosa en ambas as dúas beiras do Atlántico e porque pecha un período de crise existencial e relixiosa que logo continúa con vieiros poéticos diferentes despois do poemario "Terra Chá".

O Consello da Cultura Galega sacou unha edición facsímile, á que se suman dúas cartas escritas por Manuel María a Luis Seoane en 1953 e 1969, así como dous texto inéditos: un estudio introdutorio de Fernán-Vello e un prólogo de Ramón Villares. A coidada tiraxe da reedición é de 500 libros numerados para regalar á familia de Manuel María e institucións, á que se suman outros 150 exemplares que levarán o 30 de abril á Feira Internacional do Libro de Bos Aires.

Miguel Anxo Fernán-Vello valeuse dunha intervención rica en citas de diversos autores para analizar a importancia dun texto que considera "un dos libros maiores da poesía galega do século XX". Para iso, apuntou que Darío Xohán Cabana destaca de "Advento" que, a pesar de ser escrita con tan só 22 anos por Manuel María, "causa fascinación absoluta pola perfección do verso libre", que define como un "obxecto poético perfecto", un libro "irmán de "De Catro a Catro", "Nimbos" e "A profecía do mar", obras de Manuel Antonio, Xosé María Díaz Castro e Bernardino Graña.

Ramón Villares remarcou como con esta reedición se busca homenaxear un autor, que tamén foi xornalista, pero que "naceu poeta e morreu poeta". Lembrou que a primeira edición de 'Advento' chegou por primeira vez a Galicia "en barco" proveniente de Bos Aires, mentres que a obra volverá "en avión" nuns días á Feira Internacional de dita cidade.