"No val do Avión (Ourense), hai unha pena, Pena Corveira, que mide 30 metros de altura e ten forma de falo. Eu sempre tiven fascinación por ela. Desde pequeno, ollaba para ese penedo". A lembranza gárdaa o viticultor Eladio Rodríguez que vén de sacar do prelo a súa primeira novela, Gandarón ou o gran falo megalítico de Pena Corveira (Ir Indo) onde enfronta a romanos con castrexos nos tempos da primeira incursión do Imperio na Gallaecia alá polo 188 a. C. con Décimo Xunio Bruto.

Eladio Rodríguez decidiu narrar esta historia baseada en feitos históricos e con datos reais pero tamén con personaxes humanos e mitolóxicos da súa inventiva a raíz dun equinocio de primavera. "Coa lúa chega polo leste da Pena Corveira, movinme e saíu a fotomovida, parecía que a Lúa era un espermatozoide fecundando a pena", lembra.

Todo o libro encerra unha simboloxía que non pode fuxir ó lector. "A novela nace do lugar onde nace o viño no Ribeiro", defende o viticultor-escritor que conecta a historia co Castro de San Cibrao de Las (entre os concellos ourensáns de San Amaro e Punxín).

Fóra das figuras mitolóxicas, tamén hai personaxes humanos que farán de heroes como Gandarón e Martiño. As relacións humanas entre os personaxes e as alianzas das tribos polo ben común tamén serán un tema importante no libro que se presentou onte na cafetería Detrás do Marco, na cidade de Vigo.