"Meu pai, Carlos Casares, diríavos que lerades algo todos os días. Esa sería a mellor homenaxe que lle podedes facer". Foi a mensaxe que Hakan Casares, fillo do escritor, lles trasladou onte aos rapaces do colexio que leva o seu nome en Vilariño nos actos do Día do Libro. Acudiu co seu irmán, Christian, á lembranza que o centro educativo e o Concello lle adicaron unha vez máis ao autor que pasou os seus derradeiros anos no municipio, moi preto da escola na que eles mesmos estudaron. Alí quedou inaugurado o gran mural que pintou na fachada a recoñecida artista baionesa Lula Goce na honra da obra infantil de Casares. O deseño serviu de "photocall" na súa estrea para alumnos e docentes, que posaron acompañados da autora, dos descendentes do literato e do alcalde, Juan González.

Casares xa tiña un colexio e un parque na súa honra en Nigrán e agora suma unha espectacular pintura e un souto. Os nenos e adultos convidados á festa prantaron ducias de castiñeiros na parcela municipal anexa ao colexio para crear este novo espazo público de desfrute que terá conexión co recinto escolar en breve, segundo anunciou o goberno municipal.