Co galo da "maioría de idade" do certame de relatos curtos "Os Viadutos", que acadaba neste 2017 a súa decimosétima edición, os seus organizadores, o Concello de Redondela e a editorial Galaxia, dan un paso adiante e convocan un concurso máis forte, centrado na novela e aberto a tódalas idades.

"Os Viadutos" situárase como un galardón de referencia para os novos narradores en Galicia, pois só podían concorrer autores entre os 18 e os 35 anos. O novo premio "Viadutos" gaña entidade ao pedir novelas e buscar tamén o talento senlleiro. Asi, poderán participar aquelas autoras e autores maiores de 18 anos que teñan unha novela inédita que supere as 100 páxinas. O certame está dotado con 3.000 euros e a obra gañadora publicarase na colección Literaria de Galaxia, "a máis prestixiosa da editorial", dixo o seu director, Francisco Castro, onte na presentación do premio. Deste xeito a novela gañadora "vai estar en tódalas librerías do país, no noso comercio online e tamén en formatos electrónicos", engadiu.

Antes da firma do convenio con Galaxia, o edil de Xuventude Julio Mougán e mailo alcalde Javier Bas explicaron que co galo do fallo do premio, o vindeiro maio, os centros educativos de Redondela terán a oportunidade de contar coa presenza de escritores e escritoras, de xeito que a localidade "converterase na capital literaria de Galicia".

O prazo para a recepción de orixinais quedou aberto ata o 30 de marzo de 2018. A entrega do premio terá lugar no Concello de Redondela coincidindo coa presentación da obra premiada.

Non esquece a súa orixe este concurso "Viadutos", ao amosar no seu cartel anunciador os viadutos ferroviarios, símbolo de Redondela que desta volta se integran nun deseño gráfico rompedor.